O Consello de Seguridade da ONU chama a retomar as negociacións no Sahara

O Consello de Seguridade de Nacións Unidas (ONU) realizou nesta cuarta feira en Nova York unha reunión de consultas a porta fechada sobre a cuestión do Sahara Occidental coa participación do enviado persoal do secretario xeral da ONU para o Sahara e do representante especial da ONU para o Sahara Occidental. O Consello de Seguridade tería chamado ás partes a retomar as conversas. O aliñamento de España coas posicións de Marrocos foi un dos temas que saíron á palestra.
Manifestantes protestan fronte ao Congreso español polo cambio de rumbo do Goberno con respecto ao Sahara Occidental. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera Manifestantes protestan fronte ao Congreso español polo cambio de rumbo do Goberno con respecto ao Sahara Occidental. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

A situación no Sahara Occidental ocupou na cuarta feira a axenda do Consello de Seguridade da ONU, que realizou unha sesión de consultas a porta fechada sobre este tema. 

O Consello de Seguridade da ONU, sinalan fontes diplomáticas, tería chamado a Marrocos e á Fronte Polisario a regresar á mesa de negociacións e deter as hostilidades e a escalada militar que se mantén ininterrompida desde o 13 de novembro de 2020.

As fontes diplomáticas tamén apuntaron que na sesión desta cuarta feira no Consello de Seguridade estivo sobre a mesa a recente posición mostrada polo Goberno español, que rompeu con 40 anos de neutralidade e apostou polo plan de autonomía marroquí.

Na xornada tivo lugar un reporte informativo do representante especial da ONU para o Sahara Occidental, Alexander Ivanko, o primeiro desde que asumiu ese cargo en agosto do pasado 2021. Así mesmo, o Enviado Persoal do Secretario Xeral da ONU para o Sahara, Staffan de Mistura, reportou acerca dos últimos desenvolvementos no terreo saharauí e o funcionamento da Minurso. 

A misión foi estabelecida en 1991 e existe un amplo consenso entre os analistas internacionais con respecto ao non cumprimento das funcións para as que foi creada. 
Entre as funcións da Minurso atópase o desenvolvemento un referendo para que a poboación saharauí decida o seu futuro, a protección da poboación civil do Sahara Occidental e manter o alto o fogo. A misión vénse renovando cada ano, mais os obxectivos parecen lonxanos.

O coñecido como Grupo de Nova York de Apoio á Independencia do Sahara Occidental instou o domingo o Consello de Seguridade da ONU a buscar a forma de que a Minurso cumpra coa súa misión principal e teña lugar un referendo para decidir sobre a independencia do Sahara Occidental.

A desta cuarta feira foi a primeira sesión do Consello sobre este asunto tras despois de dous anos, así como a primeira co novo enviado persoal do secretario xeral da ONU para o Sahara Occidental. Porén, o estabelecido é que estas reunións teñan carácter semestral. Recentemente, de Mistura viaxou á zona e mantivo reunións coas autoridades da Fronte Polisario e de Marrocos, así como con países veciños.

Reunión previa coa Fronte Polisario

A véspera da reunión do Consello de Seguridade, o representante da Fronte Polisario ante a ONU e coordinador saharauí coa Minurso, Sidi Mohamed Omar, tivo un encontro con de Mistura. O diplomático saharauí informou sobre a posición da Fronte con respecto ás perspectivas do Proceso de Paz no Sahara Occidental.

"Antes das consultas do Consello de Seguridade sobre a Minurso reuninme co enviado de ONU para Sahara Occidental, o Sr. Staffan de Mistura, na sede da ONU en Nova York. Discutimos o proceso de paz da ONU e reitereille a posición da Fronte Polisario sobre o Proceso e temas relacionados", informou o delegado saharauí na ONU.

A ocupación de Marrocos comezou fai 47 anos

A antiga colonia española do Sahara Occidental foi ocupada por Marrocos en 1975 na Marcha Verde tras un acordo de cesión asinado con Madrid.

A Fronte Polisario proclamou na altura a independencia da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), iniciando unha resistencia que loitou contra o Estado marroquí desde aquel entón.

Marrocos e a Fronte Polisario asinaron un cesamento do fogo en 1991 con vistas á celebración dun referendo de autodeterminación, pero as diferenzas sobre a elaboración do censo e a inclusión ou non dos colonos marroquís impediu até o momento a súa convocatoria.

A Polisario deu por roto o cesamento do fogo de 1991 despois do desaloxo de activistas saharauís no paso fronteirizo con Mauritania de Guerguerat por forzas militares marroquís en novembro de 2020.

Comentarios