Cambio de postura do Estado español en relación ao Sáhara Occidental

Pedro Sánchez, a Mohamed VI: "A prosperidade de Marrocos está ligada á do Estado español"

Desvelado integramente o contido da carta que o presidente do Goberno español enviou ao monarca de Marrocos, na que consuma o cambio de postura con respecto ao pobo saharauí.
Encontro institucional entre o Goberno español e o rei de Marrocos. (Foto: Europa Press)
photo_camera Encontro institucional entre o Goberno español e o rei de Marrocos. (Foto: Europa Press)

O xornal El País vén de desvelar en exclusiva o contido íntegro da carta que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, enviou ao monarca de Marrocos, Mohamed VI, na que o Executivo estatal móstrase a prol dun cambio de postura en canto á situación do Sáhara Occidental e a súa incorporación ao país norafricano como autonomía.

Na carta, Sánchez afirma que tanto o Estado español como Marrocos "están indisolubelmente unidos por afectos, historia, xeografía, intereses e amizade comúns". O presidente asegura estar convencido de que os destinos de ambos os Estados tamén son "comúns".

Neste sentido, o dirixente do Partido Socialista (PSOE) manifesta no seu escrito que "a prosperidade de Marrocos está ligada á do Estado español e viceversa".

Subliña que o obxectivo de ambos Gobernos debe ser estabelecer unha "nova relación", asentada na "transparencia" e na "comunicación permanente", entre outras, para "evitar futuras crises entre os nosos países".

"Esforzos" de Marrocos no Sáhara Occidental

A carta prosegue e Pedro Sánchez subliña os "esforzos" de Marrocos no Sáhara Occidental para atopar unha solución "mutuamente aceptábel, no marco de Nacións Unidas (ONU)".

"O Estado español considera a proposta marroquí de autonomía presentada en 2007 como a máis seria, críbel e realista para a resolución deste diferendo", engade o presidente do Executivo estatal, para despois asegurar que Marrocos ten a súa garantía de que o Estado español "actuará coa absoluta transparencia que corresponde a un grande amigo aliado".

No escrito, Sánchez empraza a Mohamed VI a manter un encontro "o antes posíbel", coa intención de "renovar e profundizar a relación privilexiada entre os nosos países irmáns". A este respecto, o socialista fai fincapé na "cooperación para a xestión dos fluxos migratorios no Mediterráneo e Atlántico".

Por último, o presidente do Goberno español sinala que agarda poder fixar unha data para que o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea (UE) e Cooperación, José Manuel Albares, viaxe a Rabat para "comezar a traballar para construír conxuntamente esta nova relación entre os nosos dous países".

Comentarios