Novas mostras de apoio ao pobo saharauí: "España converteuse nun refén de Marrocos"

Concentracións en Ferrol e Madrid, fronte ao Ministerio de Exteriores, para defender o dereito de autodeterminación do Sáhara.
Concentración este sábado fronte ao Ministerio de Exteriores. (Foto: @Sahara_1951)
photo_camera Concentración este sábado fronte ao Ministerio de Exteriores. (Foto: @Sahara_1951)

Centos de persoas concentráronse este sábado ante a sede do Ministerio de Exteriores, en Madrid, para defender a autodeterminación do pobo saharauí tras a mudanza radical na postura do Goberno español a respecto do status do Sáhara Occidental anunciado a pasada semana.

Baixo o lema 'Non no meu nome. Sáhara non se vende, Sáhara decide', salientaron que o Estado español provocou o conflito "tras un proceso de descolonización inconcluso" e que, con esta nova posición, fica "do lado do ocupante marroquí".

Na mobilización puideron escoitarse proclamas como "España, atende, o Sáhara non se vende" ou o "Canto á liberdade" do ex deputado de Chunta Aragonesista no Congreso José Antonio Labordeta.

Pola súa parte, o representante no Estado español da Fronte Polisario, Abdulah Arabi, acusou o Goberno español este sábado, nunha entrevista co xornal catalán Ara recollida por Europa Press, de converterse nun "refén en mans de Marrocos".

"Que democracia hai en Marrocos? Non se pode comparar unha autonomía en España ou Alemaña cun país feudal que moitos dos seus mozos queren abandonar. Iso é faltar o respecto á loita e a resistencia do pobo saharauí", dixo Arabi.

Paralelamente produciuse outra concentración en Ferrol na defensa dos dereitos e da autodeterminación do pobo saharauí convocada por Esquerda Unida.

Cómpre lembrar que esta sexta feira decorreu outra mobilización organizada por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps). Mohamed Zerga, delegado da Fronte Polisario na Galiza, apuntou a Nós Diario que esta entidade é "o único lexítimo representante do pobo saharuí".

Comentarios