A Fronte Polisario lamenta que o Estado español incumpra o dereito internacional no seu xiro sobre o Sahara Occidental

Mohamed VI, o rei de Marrocos, agradeceu este sábado a posición "clara e responsábel" do Estado Español en relación á "marroquidade" do Sahara Occidental
Bandeiras da República Árabe Saharuí Democrática (Foto: Europa Press).
photo_camera Bandeiras da República Árabe Saharuí Democrática (Foto: Europa Press).

A Fronte Polisario respondeu ao recente agradecemento do rei de Marrocos, Mohamed VI, ao respaldo de España ao plan de autonomía marroquí para o Sahara Occidental, cunha crítica ao Goberno español por "ignorar e desacatar o estabelecido polo dereito internacional" a este respecto.

Mohamed VI, o rei de Marrocos, agradeceu este sábado a posición "clara e responsábel" do Estado Español en relación á "marroquidade" do Sahara Occidental tras o respaldo expresado en marzo polo Goberno español ao plan de autonomía marroquí fronte ás ambicións do movemento soberanista saharauí da Fronte Polisario.

Territorio pendente de descolonización

En resposta, o Polisario reitera nun comunicado publicado este domingo que o Sahara Occidental segue sendo un territorio "pendente de descolonización" e, por conseguinte, "O Estado español segue sendo a potencia administradora da última colonia de África".

Tras lembrar que a Asemblea Xeral da ONU cualificou en 1979 de "ocupación" a presenza de Marrocos no Sahara Occidental, a Polisario lamenta que o Esatdo "optou por ignorar e desacatar o estabelecido polo dereito Internacional e a legalidade internacional".

Referendo de autodeterminación

"O Estado español debe asumir a claridade e contundencia do dereito Internacional respecto á cuestión do Sahara Occidental", pide o Polisario, antes de indicar que "ningún país do mundo pode modificar a natureza xurídica do Sahara Occidental mentres non se pronuncie o pobo saharauí mediante un referendo de autodeterminación".

"Calquera posicionamento contrario ao dereito Internacional, lonxe de axilizar a resolución da cuestión do Sahara Occidental, complícao aínda mais e afasta calquera posibilidade de paz e estabilidade nun territorio de vital importancia para Europa", conclúe a Fronte.

Comentarios