Que une o Batallón Azov e o francotirador que ameazou con asasinar Pedro Sánchez?

Manuel Murillo, natural de Terrasa e descendente dun alcalde franquista, mostrouse moi contrario á decisión do Executivo estatal de exhumar o cadaver do ditador Francisco Franco, para trasladalo fóra da basílica do Val dos Caídos.
Integrantes do Batallón Azov realizan unha cerimonia militar en Ivano-Frankvisk. (Foto: Yurii Rylchuk / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Integrantes do Batallón Azov realizan unha cerimonia militar en Ivano-Frankvisk. (Foto: Yurii Rylchuk / Zuma Press / ContactoPhoto)

A Audiencia Nacional condenou nesta terza feira a sete anos e medio de prisión o francotirador que manifestou nas súas redes en 2018 o desexo de querer asasinar o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Mais, que une este integrante da extrema dereita e o reximento neonazi do Batallón Azov?

Descendente de franquistas

Manuel Murillo, natural de Terrasa e descendente dun alcalde franquista, mostrouse moi contrario á decisión do Executivo estatal de exhumar o cadaver do ditador Francisco Franco, para trasladalo fóra da basílica do Val dos Caídos.

En numerosas ocasións, afirmou que a solución para evitar unha "guerra civil" no Estado español pasaba por asasinar Sánchez. Algo para o que el mesmo se propuxo. "Son un francotirador e con un tiro preciso acábase Sánchez antes de que afunda o Estado español" de todo.

En setembro de 2018 foi detido polos corpos e forzas de seguridade estatais, após aumentar a gravidade das súas ameazas, chegando a pedir axuda en varias ocasións para idear un plan que lle permitise achegarse ao presidente do Goberno español.

No entanto, o tribunal que agora o condena admitiu que non existía como tal un plan deseñado para cometer o magnicidio, mais si que existía unha alta perigosidade, dado o arsenal de armas que Murillo gardaba na súa casa, con vinte armas incautadas pola policía, das que sete están prohibidas.

Integrante dun partido neonazi

Tal e como desvela o diario dixital Público, este francotirador converteuse en marzo de 2018 en integrante da Fronte Nacional Identitaria-Partido Nacional Socialista Obreiro Español (FNI-PNSOE), unha das organizacións neonazis nadas en Catalunuya após o referendo de independencia do 1 de outubro de 2017.

Esta formación, dirixida polo exmilitar José Alberto Pérez Molina, conta nas súas filas con elementos extremo dereitistas de toda Europa, especialmente no este do continente, e está irmandada con outras organizacións neonazis europeas.

Entre elas, existe unha gran relación coa extrema dereita europea, e en particular coas formacións filofascistas Pravyi Sektor e Svoboda, e o seu brazo militar, o Batallón Azov.

A relación entre o FNI-PNSOE e o Batallón Azov vai máis alá do puramente ideolóxico. A simpatía é tal, que mesmo comparten simboloxía, como se pode ver nos emblemas de ambos organismos, que teñen en común o Wolfsangel, un símbolo nazi que semella un N atravesado por unha liña vertical.

Membros do batallón Azov, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Nós Diario)
Membros do Batallón Azov, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Nós Diario)

Ademais, no rexistro do domicilio do francotirador condenado atopáronse varias armas que tamén emprega o Batallón Azov, así como outras que agora foron entregadas polo Goberno español ao exército ucraíno no contexto da guerra en Ucraína.

Apoio económico do nazismo

Após a detención do francotirador, o Frente Nacional Identitario comezou a recadar fondos para poder axudar cos custos procesais da defensa de Murillo.

A formación neonazi chegou a difundir unha conta de PayPal e un manifesto entre os seus integrantes e as organizacións irmandadas para obter os recursos económicos necesarios para afrontar o xuízo.

Comentarios