venres 15/10/21

Saúdos nazis e cancións fascistas nun cuartel do Exército para celebrar a súa patroa

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pide que se depuren responsabilidades entre os militares.

Militares marchando o 12 de outubro. (Foto: Europa Press)
Militares marchando o 12 de outubro. (Foto: Europa Press)

As tentativas dos responsábeis gobernamentais por reducir a categoría de anécdota as manifestacións totalitarias de membros do Exército español chocan coa realidade. Se nas pasadas semanas se coñecían diversas cartas remitidas por oficiais de alta graduación ao monarca criticando a situación política do Estado ou comentarios en redes sociais onde se chegaba a defender fusilamentos masivos, nesta ocasión o diario La Marea dá conta do comportamento de varios soldados, algúns de uniforme e outros de civil, realizando o saúdo nazi e cantando pezas de contido fascista. 

Os feitos divulgados hoxe por La Marea presentan varios militares cantando a vella peza da División Azul, Primavera na versión de “Estirpe Imperial”, unha das bandas de rock neonazis máis populares do Estado e con gran seguimento en Madrid.

As imaxes recollidas por este medio correspóndese coa festa de homenaxe á patroa da arma da infantaría, a Inmaculada Concepción, celebrada o pasado 8 de decembro de 2019 no cuartel de Paracuellos del Jarama, onde ten o seu acuartelamento a Brigada de Paracaidistas.

O 9 de decembro deste ano faise público un vídeo onde se pode observar varios soldados desa compañía entoando de novo a canción da División Azul, corpo de voluntarios españois que loitan na II Guerra Mundial a carón do Exército alemán.

A presenza de simboloxía que incumpre a Lei da memoria histórica así como de comentarios fascistas son habituais nos cuarteis. Sen ir máis lonxe, son moitos os edificios militares onde colgan das paredes cadros coa imaxe do ditador Francisco Franco e placas en lembranza de oficiais comprometidos co golpe de Estado de 1936 e a posterior represión.

Na mesma dirección, unha fonte anónima citada por La Marea sinala en relación co tema Primavera que “non é raro oír esta canción, así como comentarios entre a tropa e os mandos intermedios contra o Goberno, a inmigración ou a favor de Vox. Ao contrario, é algo habitual nos cuarteis”.

A situación nos cuarteis preocupa na sociedade e unha parte das formacións políticas. Neste sentido, o deputado do BNG, Néstor Rego vén de presentar unha iniciativa no Congreso dos Deputados para “abrir unha investigación aos militares que participaban nun chat en que se enviaban comentarios referidos ao inicio dun novo levantamento militar” e “que se depuren responsabilidades daqueles militares que seguen sometidos, segundo estabelece a lei, ao principio de neutralidade política”.

Saúdos nazis e cancións fascistas nun cuartel do Exército para celebrar a súa patroa
comentarios