Alemaña impide a entrada dunha falanxista española que levaba esvásticas e o 'Mein Kampf'

Isabel Peralta viaxou o pasado outubro a Dusseldorf para "completar a súa formación" durante dez meses da man de Der III Weg, un dos grupos neonazis máis violentos de Alemaña.
A neonazi española Isabel Peralta non puido saír do aeroporto de Frankfurt (Foto: Jesús Hellín / Europa Press - Arquivo).
photo_camera A neonazi española Isabel Peralta non puido saír do aeroporto de Frankfurt (Foto: Jesús Hellín / Europa Press - Arquivo).

O xornal alemán Spiegel informou nesta quinta feira da curta visita da falanxista española Isabel Peralta a Frankfurt, unha cidade que non puido pisar xa que foi detida no propio aeroporto pola Policía Federal.

Segundo Spiegel, a muller "presumibelmente" viaxaba a Alemaña porque "quería participar en eventos de extrema dereita", grupos cos que mantén "contactos estreitos".

Entre o seu equipaxe, relata este xornal, a Policía achou unha bandeira nazi, un chaveiro cunha esvástica, unha copia do libro Mein Kapmpf (A miña loita, do xenocida Adolf Hitler) e un libro "propagandístico" da Bund Deutscher Mädel (Liga de Mozas Alemás, a rama feminina das Mocidades Hitlerianas).

Peralta, que aterrou en Frankfurt na cuarta feira, foi enviada de regreso ao Estado español nun voo que partiu na noite dese mesmo día.

Porén, "durante o interrogatorio, a moza de 19 anos afirmou que só colecciona eses obxectos porque está a investigar a era nazi mentres estuda Historia".

Peralta deuse a coñecer en todo o mundo, con só 18 anos, o pasado ano, nunha homenaxe á Divisón Azul, batallón que combateu da man do Exército nazi na Segunda Guerra Mundial. Naquel acto fixo en numerosas ocasións o saúdo fascista e sinalou o pobo xudeu como "culpábel de todos os males".

Segundo apuntou en outubro pasado o portal Caso Abierto, do grupo Prensa Ibérica, en setembro Peralta tería recibido unha 'bolsa' para pasar dez meses en Dusseldorf e "completar a súa formación" cun dos grupos neonazis máis violentos do país, Der III Weg (O Terceiro Camiño).

Comentarios