Zelenski nomea gobernador de Odessa un militar que comandou os bombardeos de Luhansk

Maxim Marchenko comandou o batallón Aydar, acusado por Amnistía Internacional de cometer crimes de guerra no Donbás.
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. (Foto: Europa Press)

O presidente da Ucraína, Volodimir Zelenski, anunciou na cuarta feira o nomeamento de Maxim Marchenko como gobernador territorial de Odessa, en substitución de Sergei Grinevetski, segundo recolle un decreto publicado polo propio Zelenski.

Marchenko é un recoñecido militar con implicacións na revolución e posterior golpe de Estado en Ucraína durante 2013. Comandou o batallón ultradereitista Aydar, involucrado de xeito activo nos bombardeos na zona de Luhansk.

Xa en 2014, Amnistía Internacional denunciou os "crimes de guerra" que o grupo paramilitar levou a cabo contra soldados e poboación pro rusa afincada no Donbás, onde en oito anos cálculase que foron asasinados 14.000 civís, segundo fontes rusas. 

No decreto asinado por Zelenski, tamén se acorda o nomeamento de Igor Taburts como gobernador de Cherkasy, após a destitución de Alexander Skichko. Taburts tamén é militar, e conta con grao de oficial.

Situación na fronte

Por outra banda, o ministro de Defensa ucraíno, Oleksiy Reznikov, afirmou que "os invasores rusos" estarían a rendirse. En declaracións á axencia Ukrinform, detallou a "rendición de grupos de soldados rusos con oficiais, así como negativas a continuar a ofensiva".

"Os invasores rusos están a tratar de manter dalgunha maneira a capacidade de combate das súas unidades", apuntou Reznikov, quen cre que o transcurso da contenda bélica "está a cambiar".

En canto á decisión da Unión Europea (UE) de enviar armamento a Ucraína, o ministro de Defensa subliñou que a institución está a "suplir as necesidades críticas en materia de defensa", e di que a UE estase a converter "na retaguarda". 

Comentarios