Zelenski comparece no Parlamento grego xunto cun neonazi do Batallón Azov

Un dos que máis patente deixou o seu descontento pola intervención de Zelenski foi o antigo ministro grego Yanis Varoufakis, que denunciou nas súas redes sociais o ocorrido no Parlamento grego.
O integrante do Batallón Azov que compareceu no Parlamento grego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O integrante do Batallón Azov que compareceu no Parlamento grego. (Foto: Nós Diario)

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, compareceu nesta quinta feira de xeito telemático no Parlamento grego, como vén facendo nos últimos días en diversos países, un deles o Estado español.

Na súa intervención, Zelenski cedeu nun momento a quenda de palabra a un combatente neonazi do Batallón Azov, que actualmente se atopa na cidade sitiada de Mariupol.

A decisión do presidente ucraíno de dar voz a un integrante dun dos grupos paramilitares neonazis integrado no exército ucraíno deu pé a que varios deputados protestaran por esta intervención, e mesmo algún chegou a abandonar o hemiciclo.

Un dos que máis patente deixou o seu descontento pola intervención de Zelenski foi o antigo ministro grego Yanis Varoufakis, que denunciou nas súas redes sociais o ocorrido no Parlamento grego.

"O noso Parlamento non convidou un nazi"

Varoufakis sinalou de maneira tallante que "o noso Parlamento non convidou un nazi", senón que foi o propio Zelenski quen decidiu dar voz ao membro do Batallón Azov.

O político grego afirmou que a decisión de Zelenski "debe ser condenada" por "normalizar o nazismo" e "apoiar a afirmación de Putin de que a resistencia ucraína é igual ao nazismo".

"Nos apoiamos Ucraína, non o neonazi Batallón Azov", engadiu Varoufakis, quen defendeu que o presidente ucraíno "socavou así a heroica resistencia do pobo ucraíno á criminal invasión de Putin".

Tamén explicou que, no momento no que se soubo que o integrante do grupo neonazi ía intervir na Cámara, "o representante de MERA25, Gerge Logiadis, abandonou o Parlamento".

Pola súa banda, os comunistas gregos, representados polo KKE, decidiron de antemán non presentarse no Parlamento para asistir ao discurso de Zelenski, pola "normalización do nazismo" do Goberno ucraíno.

Comentarios