Así é Azov, o batallón ao cal Zelenski cedeu a palabra no Parlamento grego

Desde que comezou a invasión rusa en Ucraína, o batallón Azov cobrou importancia na axenda mediática, mais o grupo neonazi leva actuando contra a poboación rusófona -considera Rusia o seu "maior inimigo"- desde 2014. Debullamos os movementos do que comezou como un colectivo paramilitar e que hoxe está integrado na Garda Nacional de Ucraína, a policía militar do país.

Membros do batallón Azov, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Membros do batallón Azov, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Nós Diario)

Dous días após intervir vía videoconferencia no Congreso español, Volodimir Zelenski, presidente de Ucraína, facía o propio no Parlamento grego. Mentres tratou de sensibilizar o conxunto do arco parlamentario en Madrid apelando ao bombardeo de Gernika, cos representantes políticos gregos optou por ceder a palabra a un membro do batallón Azov. Os vínculos entre o Executivo de Zelenski e o grupo neonazi xurdiron en 2017, cando o daquela ministro do Interior, Arsen Avakov -que renunciou ao posto en 2021-, nomeou un líder do batallón, Vadym Troyan, como viceministro. Ocupou o posto até 2019, ano en que foi destituído.

Que é o batallón Azov? Toma o seu nome do mar de Azov, situado ao sueste de Ucraína, ao norte do mar Negro, e, aínda que naceu como un grupo paramilitar, é hoxe unha facción da Garda Nacional, a policía militar.

De ideoloxía neonazi, naceu en 2014, en Mariupol, a raíz da anexión de Crimea, e actuou no Donbás como unha milicia de guerra contra o que considera, publicamente, o seu “maior inimigo”, Rusia. Apoiou o denominado polos medios occidentais ‘Euromaidan’ e o golpe de Estado contra o presidente ucraíno Viktor Yanukovych, aliado de Vladimir Putin. Entre outros crimes de guerra, atribúeselle a participación na matanza de 42 persoas na Casa dos Sindicatos de Odesa en 2014, tras as protestas derivadas polo derrocamento de Yanukovych.

O liderado de Azov defendeu abertamente opinións supremacistas brancas e cultivou lazos con grupos de extrema dereita en Occidente. De feito, desde a súa formación, recrutou combatentes estranxeiros motivados polo supremacismo branco para loitar en Ucraína. Un dos seus fundadores, Andriy Biletsky, agora dirixente do Corpo Nacional -brazo político do batallón-, afirmou en 2010, segundo o medio británico The Guardian, que o seu obxectivo pasaba por “liderar as razas brancas do mundo nunha cruzada final”.

Foi nas últimas semanas, a raíz da invasión de Ucraína, cando gañaron notoriedade nos medios de comunicación e nas redes sociais, con vídeos en que amosan torturas e profiren ameazas, mais os membros do batallón tomaron un papel cada vez máis importante na vida cotiá do pobo ucraíno nos últimos anos, incluída a organización de torneos de artes marciais e festivais de música neonazi.

As imaxes como propaganda

OPTAN
Membros de Azov, cunha bandeira da OTAN e unha nazi.

En 2017, medios como a BBC publicaron imaxes da milicia de extrema dereita atacando inimigos políticos. En Cherkasy, cidade da Ucraína central, neonazis de Azov irromperon no concello e ameazaron todos os cargos públicos con secuestralos até que non desen luz verde ao orzamento proposto polo alcalde.

De feito, o batallón caracterizouse por difundir vídeos a modo de propaganda e que se fixeron virais nas redes sociais, con símbolos como o Wolfsangel, utilizado pola Segunda Divisón das SS Das Reich, cun sol negro, e co nazi Stepan Bandera. Son pezas audiovisuais nas que poden verse membros do grupo con fachos e en escenas de guerra, amosando equipamento militar, e mesmo queimando vivo un home crucificado en 2015.

Nunha das últimas imaxes, após a invasión rusa, membros de Azov son fotografados con armamento enviado desde o Estado español e desde outros aliados á OTAN.

Comentarios