Xuízo en Alemaña a un militar neonazi que se fixo pasar por refuxiado sirio

A preocupante tendencia rexistrada nos corpos militares de Alemaña durante o último lustro, con máis e máis casos de soldados e mandos intermedios afiliados con movementos neonazis, levou a medidas drásticas por parte do Goberno alemán. O caso de Franco Albrecht é simbólico por rocambolesco, mais non é o único.
Franco_Albrecht
photo_camera O tenente Franco Albrecht –nunha foto da investigación– dixo ser un froiteiro cristián de Damasco (Foto: Nós Diario)

"Aínda que a vasta maioría dos militares respectan a Constitución, e o movemento de extrema dereita non é un fenómeno novo na sociedade nin na Bundeswehr [forzas armadas alemás], constatamos que se está a entrar nunha nova dimensión", alertaba en xuño de 2020 ante o Parlamento Christof Gramm, xefe dos servizos de contraintelixencia militar de Alemaña.

Só dous meses despois, a ministra de Defensa, Annegret Kramp-Karrenbauer, anunciaba a disolución dunha compañía completa do Kommando Spezialkräfte (KSK), o corpo de elite militar, así como a completa reestruturación das forzas especiais alemás debido a infiltración de numerosos simpatizantes radicais da ultradereita. Un feito que ía alén de saúdos nazis ou posesión de material do Terceiro Reich.

Nos últimos anos partes do KSK estiveron expostas a "un liderado tóxico, tendencias extremistas e unha xestión laxa do material e da munición", sinalaba Kramp-Karrenbauer no seu informe. Na altura, os medios alemáns informaban de que case 50.000 cartuchos e máis de 60 kg de explosivos desapareceran do KSK. Der Spiegel daba conta ademais dun grupo de Whatsapp onde se manexaban teléfonos e enderezos de políticos e doutras personalidades. 

Neste sentido, xa en 2017 se dera a coñecer unha suposta conspiración por parte de integrantes do KSK para asasinar políticos da esquerda, como o dirixente de Die Linke Dietmar Bartsch.

"A maior ameaza"

O Goberno alemán leva anos tentando frear o rexurdimento da ultradereita e do nazismo. En outubro de 2019, un neonazi matou dúas persoas nun tiroteo contra unha sinagoga en Halle. E en febreiro de 2020, dez persoas ─a maioría inmigrantes─ foron asasinadas en Hanau por un simpatizante de ultradereita, o que levou ao ministro do Interior, Horst Seehofer, a declarar a extrema dereita como "a maior ameaza á seguridade para Alemaña".

O caso máis impactante produciuse o 2 de xuño de 2019, cando o presidente do Goberno rexional de Kassel, Walter Lübcke, foi asasinado. Lübcke, da CDU, recibira ameazas previas pola súa posición a prol da acollida de refuxiados, a maioría fuxindo dos conflitos en Siria, no Iraq e no Afganistán. Poucos días despois, o neonazi Stephan Ernst confesaba o crime. 

Maquillaxe na cara

A detención de Franco Albrecht en 2017 produciuse precisamente ao ronsel da crise migratoria de 2015-16, cando se estendeu na sociedade alemá a Willkommenskultur, a "cultura da benvida" ás persoas refuxiadas impulsada por organizacións da esquerda e amparada pola propia presidenta do Goberno, a conservadora Angela Merkel.

Albrecht, de 32 anos, é un tenente alemán que se fixo pasar por refuxiado sirio co fin de demostrar os fallos ─segundo el─ da política de acollida de Merkel. Para isto pretendía atentar contra a vida de diversos dirixentes políticos. Esas son cando menos as acusacións presentadas contra el no xuízo que acaba de comezar en Frankfurt e que se estenderá até agosto, no primeiro caso en Alemaña tras a Segunda Guerra Mundial por actos de terrorismo contra o Estado.

Co rostro escurecido con maquillaxe, presentou en 2015 unha solicitude de asilo, e chapurreando inglés explicou que non aprendera árabe porque asistira a unha universidade francesa preto de Damasco. Identificouse como "David Benjamin", un froiteiro cristián de Damasco, e foille outorgada unha asignación mensual duns 409 euros ademais dunha praza nun albergue para refuxiados. Porén, continuou coa súa vida como soldado baixo a súa verdadeira identidade nun cuartel en Illkirch, na fronteira francesa.

O pasado 21 de marzo, o xornal galo Le Figaro entrevistaba a Albrecht. "Quería chegar persoalmente ao fondo do asunto e comprobar até que punto o concepto de asilo fora corrompido polas autoridades alemás, en detrimento da seguridade", dixo, e rexeitou que tivese ningunha intención violenta. Preguntado polo arsenal de armas e explosivos subtraído do Exército que acumulaba na casa, afirmou que era para "protexer" a súa familia "en caso de urxencia".

Porén, a fiscalía cre que o obxectivo último era o asasinato de representantes públicos como o entón ministro de Xustiza e agora de Exteriores, Heiko Maas (Partido Socialdemócrata, SPD), ou a vicepresidenta do Bundestag, Claudia Roth (Os Verdes), entre outros. Atentados de "falsa bandeira" co fin de "redirixir as sospeitas cara aos solicitantes de asilo en Alemaña", sinalou a acusación.

As investigacións ─recolleu AFP─ mostraron que posuía unha copia do libro de Adolf Hitler Mein Kampf e que consideraba a inmigración unha forma de xenocidio. A súa detención produciuse cando trataba de recuperar unha pistola da época nazi que agochara nun váter do aeroporto internacional de Viena. De ser declarado culpábel, afronta unha pena de até 10 anos de cárcere.

'Vítima' política

Este caso e os relacionados co KSK puxeron no centro das críticas a entón ministra de Defensa (2013-2019), tanto do Exército como da oposición política ─que solicitou varias veces a súa dimisión─ e mesmo do seu propio partido, a CDU. Finalmente atopouse outra saída para a desde o 1 de decembro de 2019 presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen

Sen rastro do militar de ultradereita fuxido da intelixencia belga

A frenética busca en Bélxica dun perigoso militar armado, xa retirado e que aparecía nas listas de vixilancia terrorista dos servizos de intelixencia belgas, chegou onte ao quinto día. Máis de 400 axentes especiais intensificaron o dispositivo na noite da quinta feira para localizar este home asociado con movementos de extrema dereita, Jurgen Conings, de 46 anos.

Conings foi posto na lista de vixilancia o pasado febreiro tras ameazar varias persoas nos meses previos, incluído Marc Van Ranst, virólogo de referencia no Estado belga na loita contra a Covid-19. Antes de desaparecer no parque nacional de Flandres Hoge Kempen, onde supostamente, se fixo con numerosas armas e munición. Situación esta que elevou as críticas dos representantes públicos no Parlamento pola falla de control interno no Exército.

Comentarios