Pablo Iglesias pide un Goberno liderado por Sánchez

Centos de nazis protagonizan incidentes ao hostigar o acto de Podemos a prol do referendo pactado

Centos de ultras congregáronse na mañá do domingo á entrada do Pabellón Siglo XXI de Zaragoza, onde tiña lugar o acto de Podemos e as súas confluencias en defensa do referendo pactado. Entre outros atopábanse os alcaldes de Santiago, A Coruña e Ferrol, así como Luís Villares. A presidenta das Cortes de Aragón foi agredida e a policía admitiu que non había efectivos suficientes polo despregue en Catalunya.

[Imaxe: @jmjangues]
photo_camera [Imaxe: @jmjangues]

Nazis congregados ás portas do Pabellón Siglo XXI de Zaragoza trataron de rebentar o acto convocado por Podemos e as súas confluencias a favor do referendo pactado. Unhas 400 persoas increparon as participantes aos berros de “secesionistas” e “golpistas” e chegaron a agredir Violeta Barba, a presidenta das Cortes de Aragón, á que lle guindaron á cabeza unha botella de auga chea.

A organización protestoulles aos axentes da Policía Nacional, quen lles responderon que non había máis efectivos porque estaban en Catalunya. Este feito provocou unha maré de comentarios nas redes sociais. Luís Villares, portavoz de En Marea, que tamén tomou a palabra no acto, afirmaba en Twitter, “non hai policía, Rajoy tenos requisando urnas”. Tamén facía o propio Alberto Garzón, dirixente de IU, na mesma rede social, “están todos buscando urnas e papeletas en Catalunya”.

En declaracións á prensa, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, sinalaba que "temos os corpos de seguridade buscando material inflamábel en Catalunya, de urnas, de papeletas, e impedindo a libre reunión á xente. Estamos aquí representantes de todo o Estado, dun sector amplo da esquerda, rodeados por 500 neonazis e comentan que non hai suficientes recursos de seguridade para saír e marchar á casa. Isto demostra a quen lle está dando a centralidade do PP".

Debido aos nazis situados na entrada do pavillón –que portaban bandeiras franquistas e cartaces contra a independencia de Catalunya- a entrada á asemblea convocada por Unidos Podemos foi restrinxida e mesmo se lles impediu saír ás e aos xornalistas baixo a advertencia de non poder volver entrar.

Podemos pide un Goberno liderado por Sánchez

Abriu o acto a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, quen aludiu á necesidade de que o PSOE se vincule á iniciativa de impulsar un referendo pactado, a vía que defende Podemos, “Sánchez apelou á responsabilidade do Estado e eu dígolle, desde a humildade, que a responsabilidade do Estado é escoitar Catalunya e non aliarse cun PP que está a practicar a represión e suspendendo o autogoberno de Catalunya”.

Tamén lle fixo un chamamento ao secretario xeral do PSOE o seu homólogo de Podemos, Pablo Iglesias, que o urxiu a liderar un Goberno que organice un referendo pactado en Catalunya. “Fai falla un novo Goberno de unidade plurinacional e democrático que organice un referendo en Catalunya”, sinalou Iglesias.

En Marea, entre dúas augas

Entre os máis de medio milleiro de alcaldes e deputados de Podemos e as confluencias que asistiron a este acto en defensa dun referendo pactado atopábanse os alcaldes de Compostela, Martiño Noriega, A Coruña, Xulio Ferreiro e Ferrol, Jorge Suárez, así como os deputados de Unidos-Podemos, En Comú Podem-En Marea Antón Gómez Reino (Podemos), Yolanda Díaz (IU) e Ángela Rodríguez (Podemos) e a senadora do mesmo grupo, Vanesa Angustia (IU). Aliás, asistiron o líder de En Marea, Luís Villares, que tomou a palabra, e Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos na Galiza.

Como adiantaba Sermos Galiza na mañá do domingo, En Marea di estar polo referendo do 1 de outubro, mais tamén apoia o posicionamento de Podemos por un referendo pactado. Unha proposta que desembocou na chamada Declaración de Zaragoza.

Comentarios