Sánchez di compartir a "dor" de Israel polos "anos de terrorismo en España" mais matiza: "As armas non son a única resposta"

Netanyahu acusa Hamás de formar parte dun "corpus terrorista" xunto a "Irán, Hezbolá e os hutíes" de Iemen e de ser "os novos nazis".
Alexander de Croo, Benjamin Netanyahu e Pedro Sánchez, hoxe, en Xerusalén. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alexander de Croo, Benjamin Netanyahu e Pedro Sánchez, hoxe, en Xerusalén. (Foto: Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, dixo esta quinta feira ao primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, que o Estado español "empatiza" con Israel por sufrir "décadas de terrorismo" a mans de ETA, se ben insistiu en que as armas "non son a única resposta" e que o elevado número de vítimas mortais en Gaza, máis de 14.500 até o momento en menos de dous meses, é "insoportábel".

Trasaladoulle estas mensaxes no encontro que mantiveron esta mañá en Xerusalén ambos os mandatarios, no que tamén estaba presente o primeiro ministro de Bélxica, Alexander de Croo, no marco da visita oficial de Sánchez -presidente de quenda do Consello da UE neste semestre- á rexión ante o aumento das hostilidades após os ataques de Hamás e a resposta do Exército israelí desde outubro. Sánchez salientou que "España, durante décadas, sufriu terribelmente por mor do terrorismo", sen mencionar especificamente ETA mais nunha clara alusión, polo que dixo compartir "a dor" de Israel.

Con todo, precisou que, malia que Israel "ten dereito" a defenderse dos ataques de Hamás, ten que aterse ao dereito internacional humanitario. "Porque tamén o sufrimos en España, estou convencido de que o terrorismo non pode ser erradicado exclusivamente" a través do uso das armas, proseguiu, avogando por un acordo político. Nesta liña, volveu apoiar a implementación da solución dos dous Estados.

No seu discurso de investidura xa adiantou que traballaría no Estado español e a Unión Europea para o recoñecemento do Estado palestino. Para Sánchez, trátase da única perspectiva "seria e críbel" para lograr a paz nestes territorios e debe facerse segundo a resolución de Nacións Unidas, que inclúe Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste en Palestina. "Sen un acordo político, haberá de novo un ciclo de violencia que nunca termina", dixo o presidente, recalcando que, precisamente, "traballar pola paz" vai en favor do "interese" de Israel. O mandatario español ofreceuse a axudar no proceso.

Durante a súa intervención, o presidente tamén expresou a súa esperanza de que os reféns secuestrados por Hamás sexan liberados e de que a "catástrofe humanitaria" en Gaza sexa atallada, incidindo en que os civís deben ser protexidos "custe o que custe". Tamén pediu que a axuda humanitaria entre "inmediatamente" a Gaza, e de forma regular. Por último, defendeu o estabelecemento dun cesamento do fogo.

"Destruír occidente"

Pola súa parte, Netanyahu lamentou que Hamás é "un inimigo especialmente cruel e inhumano" que "loita para eliminar ao Estado xudeu", primeiro, a Occidente no seu conxunto, despois. Aliás, acusounos de formar parte dun "corpus terrorista" xunto a "Irán, Hezbolá e os hutíes" de Iemen, e tamén os chamou "os novos nazis". "Se saen vitoriosos de aquí, tentarán destruír Oriente Próximo e despois van ir a Europa, e despois a outro lugar. E se pensan que estou a esaxerar, non o fago", advertiu.

"Odian a nosa civilización libre e queren destruíla, teñen unha ideoloxía que é unha tolemia", continuou o primeiro ministro israelí, facendo fincapé en que "o sistema de valores" dos palestinos permite "facer estas cousas horríbeis". Fronte a iso, Netanyahu avogou por combaterlos porque, se "non se loita contra os bárbaros, gañarán". Ademais, afirmou que Israel está "completamente comprometido" co dereito internacional humanitario, pero argumentou que para os seus adversarios "todos, incluídos civís, son combatentes".

"Din que todos son obxectivos e ninguén é civil", sinalou, lembrando o masacre no festival de música de Reim e a "morte de bebés ou sobreviventes do Holocausto". De forma paralela, denunciou que os combatentes de Hamás usan a civís como escudo humano, por exemplo en corredores humanitarios, que, di, Israel axudou a estabelecer e mantén.

"Cando tentaron saír, Hamás deixounos no punto de mira, porque a Hamás non lle importa que os seus civís sexan asasinados", asegurou. Ademais, dixo que hai arredor de 150 ou 200 convois humanitarios que van levar axuda humanitaria á zona, antes de lamentar a "falta de colaboración da ONU e as ONG internacionais".

Comentarios