Debate de investidura

Palestina, amnistía, condonación da débeda, vivenda, "pleno emprego"... estas son as principais promesas de Pedro Sánchez

O presidente en funcións e candidato á reelección erixiuse en "muro de contención" fronte á dereita e a ultradereita "retrógradas". "Nós somos tan españois como vostedes, non somos menos españois que vostedes", espetou ás bancadas de Vox e PP.
O presidente do Goberno estatal en funcións e candidato socialista á reelección, Pedro Sánchez, dirixíndose esta mañá á tribuna de oradores do Congreso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno estatal en funcións e candidato socialista á reelección, Pedro Sánchez, dirixíndose esta mañá á tribuna de oradores do Congreso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
  1. Defensa de Ucraína
  2. "Muro de contención"
  3. Amnistía, débeda e futuro de Catalunya
  4. Rebaixa do IVE e transporte gratuíto
  5. "Pleno emprego", pensións e dereitos laborais
  6. Vivenda

Palestina resoa no debate de investidura. Apenas acababa de subir á tribuna de oradores Pedro Sánchez cando trasladou o primeiro compromiso para esta lexislatura: traballar "en Europa, e por suposto en España", para recoñecer o Estado palestino, ao abeiro da resolución aprobada polas Cortes Xerais en 2015. Actualmente só a consideran unha nación de pleno dereito 139 dos 193 membros da ONU, entre os que se atopa un pequeno grupo de Estados da Unión Europea —Suecia, Grecia, República Checa, Polonia, Hungría, Romanía, Malta e Chipre—. De feito, a propia UE non lle outorga ese privilexio.

Sánchez tamén exixiu un "alto o fogo inmediato de Israel sobre Gaza", así como o "estrito cumprimento do Dereito Internacional Humanitario", que hoxe, lamentou, "claramente non se está a respectar". Porén, neste punto deu un pequeno xiro ao seu discurso e asegurou que "España está con Israel na repulsa" do atentado de Hamás do 7 de outubro e recoñece "o seu dereito a defenderse". Tamén demandou a "inmediata liberación dos reféns"; "pero con idéntica claridade rexeitamos a matanza indiscriminada de palestinos en Gaza e Cisxordania", matizou.

Defensa de Ucraína

Ao longo da vindeira lexislatura, dixo, o seu Goberno, no caso —previsíbel— de lograr reeditalo nesta nova sesión de investidura, seguirá tamén apoiando Ucraína "até que o último soldado ruso abandone un país que quere ser libre e europeo, logrando con iso unha paz xusta e duradeira entre Rusia e Ucraína e tamén, en consecuencia, entre Rusia e Europa".

"Muro de contención"

Un "muro" fronte á "axenda reaccionaria das dereitas retrógradas". Así se presentou Pedro Sánchez ante o hemiciclo, nunha intervención na que dedicou os primeiros minutos a cargar duramente contra a "dereita irresponsábel que branquea e lexitima a ultradereita para chegar ao poder", en referencia a un Partido Popular que cre que "bendice" a Vox, sumándose así ao "clube reaccionario de Trump, Orban e Le Pen".

"As dereitas rezuman clasismo e renegan das conquistas en dereitos", afirmou Sánchez, pondo como exemplo a "negación do cambio climático" ou o "desprezo a quen ama de forma distinta a eles", á vez que defenden un "modo único e excluínte" de ser españois. "Por certo, nós somos tan españois como vostedes, non somos menos españois que vostedes", espetou ás bancadas de Vox e PP.

Amnistía, débeda e futuro de Catalunya

A Lei de amnistía, como cabía esperar, foi a gran protagonista do seu discurso. Sánchez xustificou esta medida pactada con ERC e Junts alegando que "as circunstancias son as que son" e reiterando que é "perfectamente legal e acorde coa Constitución", malia defender no pasado que era "inconstitucional" cando a propuxera Esquerra. "Apóiaa unha parte relevante da sociedade catalá e apróbaa 80% dos seus representantes políticos", así como unha "maioría ampla" no Congreso, concretou.

"Por moitos espaventos que fagan, por moita patrimonialización que tenten da bandeira que é de todos e dos símbolos constitucionais, que son de todos, sabemos que ás dereitas reaccionarias a amnistía impórtalles máis ben pouco", engadiu, porfiando na idea de que PP e Vox "non aceptan o resultado" das eleccións do pasado 23 de xullo.

No relativo á condonación da débeda pública por medio do Fondo de Liquidez Autonómico (FLA), o presidente en funcións confirmou que se aplicará a todas as comunidades autónomas, estean ou non acollidas a este mecanismo. "Esta medida vai axudar a que os cidadáns poidan ter uns servizos públicos de calidade. Bueno, isto póñoo entre algodóns porque non sabemos exactamente que van facer os gobernos do PP con Vox, aínda que xa apuntan maneiras", dixo, e avanzou que nesta lexislatura impulsará con Sumar o debate para reformar o modelo de financiamento autonómico.

Rebaixa do IVE e transporte gratuíto

Unha das medidas estrela defendidas por Sánchez foi que se manterá a rebaixa do IVE nos alimentos até xuño de 2024, deixando a taxa en 0% para os produtos de primeira necesidade —gravados antes ao 4%— como pan, leite, froitas ou verduras, e en 5% —antes 10%— para aceite ou pasta.

Aliás, anunciou que o transporte público será totalmente gratuíto a partir do vindeiro 1 de xaneiro para as crianzas, mozos e mozas —non especificou o límite de idade— e persoas desempregadas.

"Pleno emprego", pensións e dereitos laborais

O candidato socialista prometeu de novo alcanzar o ambicioso "e nunca logrado" obxectivo do "pleno emprego" no Estado español, ao tempo que precisou que se incrementará de 30.000 a 38.000 euros o limiar de renda media para poder acceder ás axudas pola suba de tipos de xuro das hipotecas.

Pedro Sánchez quere tamén nesta lexislatura, ao abeiro do pacto asinado con Sumar, garantir a revalorización das pensións conforme ao IPC, seguir subindo na medida do necesario o salario mínimo interprofesional (SMI) e aprobar un novo Estatuto dos Traballadores, así como a rebaixar a 37,5 horas semanais a xornada laboral, como propuxo Sumar.

Vivenda

A vivenda será un dos principais obxectivos do novo Goberno, dixo, e para iso anunciou un novo paquete de medidas que busca mellorar e garantir o acceso a ela. Entre os compromisos, enumerou un aumento do bono para o alugueiro, unha liña de avais que cubra até 20% da hipoteca, facilitar 183.000 vivendas públicas para alugar e destinar axudas a propietarios para reformar e modernizar as vivendas.

Comentarios