Os hutís lanzan o seu maior ataque contra buques dos Estados Unidos e exixen parar o "xenocidio" en Gaza

O ataque foi considerado polo Reino Unido como o maior desde a escalada das hostilidades na rexión.
Manifestación en Saná (Iemen) en solidariedade con Palestina (Foto: Osamah Yahya / Europa Press / Contacto).
photo_camera Manifestación en Saná (Iemen) en solidariedade con Palestina (Foto: Osamah Yahya / Europa Press / Contacto).

O portavoz militar dos hutís, Yahya Sari, asegurou esta cuarta feira que responderon o "traizoeiro" ataque contra as súas forzas navais do pasado domingo no mar Vermello co lanzamento nas últimas horas dun gran número de mísiles e drons contra un buque dos EUA que apoiaba Israel.

"As Forzas Armadas iemenís [en referencia ás hutís] seguen impedindo que os buques israelitas ou os que se dirixan aos portos da Palestina ocupada naveguen nos mares Arábigo e Vermello até que cese a agresión e se levante o asedio aos nosos irmáns da Faixa de Gaza", subliñou o representante hutí.

Horas antes do comunicado do grupo iemení, o Reino Unido e os Estados Unidos comunicaron ter derribado perto dunha vintena de drons e tres mísiles hutís nun ataque contra buques militares de ambos os Estados e embarcación comerciais no mar Vermello.

Ademais, o ataque dos hutís (o movemento iemení enfrontado ao Goberno recoñecido por Arabia Saudita) foi considerado polo Reino Unido como o maior desde a escalada das hostilidades na rexión.

Os hutís controlan a capital de Iemen, Saná, e outras zonas do norte e o oeste deste Estado desde 2015. A raíz dos bombardeos israelitas sobre a Faixa de Gaza responderon atacando as embarcacións que teñan algún tipo de conexión con Israel e coa axuda que recibe de aliados.

En consecuencia, os EUA, xunto a outros Estados, lanzaron unha operación para controlar o mar Vermello. Nese sentido, a diplomacia norteamericana está a premer o Goberno español para conseguir a súa participación nesta operación.

Por outra parte, un dos líderes políticos hutís, Mohamed al Bukaiti, acusou nas últimas horas ao secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, de viaxar a Oriente Medio para "prolongar" a guerra e "apoiar e protexer" Israel.

"Blinken chegou á rexión para presentar solucións que non están en concordancia coa situación actual, que require o cese do xenocidio e da destrución de Gaza, do levantamento do bloqueo, e dun alto o fogo", afirmou Al Bukaiti. 

Comentarios