Irán ataca o Kurdistán iraquí e o noroeste do territorio sirio tras o atentado no cabodano de Soleimani

Catro falecidos polo bombardeo en Erbil.
Ebrahim Raisi, líder de Irán. (Foto: Presidencia de Irán / Europa Press / Contacto)
photo_camera Ebrahim Raisi, líder de Irán. (Foto: Presidencia de Irán / Europa Press / Contacto)

O Ministerio de Relacións Exteriores do Iraq chamou hoxe a consultas o seu embaixador en Tehran, a capital de Irán, e convocou a unha reunión ao encargado de negocios iraniano no país, en resposta ao que considerou “unha flagrante violación da súa soberanía”, en alusión aos ataques horas antes das Forzas Armadas de Irán con 11 mísiles contra Erbil, a capital do Kurdistán iraquí.

Tehran sostivo que alcanzou na localidade un centro do Mossad, unha axencia de Intelixencia israelí, o que negaron as autoridades kurdas, que sinalaron que faleceron catro civís no bombardeo. O ataque produciuse nas proximidades do consulado estadounidense.

Ademais, Irán apuntou que tamén atacou con catro mísiles posicións do Estado Islámico en Idlib, no noroeste de Siria, unha rexión controlada polas forzas xihadistas que se opoñen ao Goberno de Bashar al Assad.

A operación iraniana desenvolveuse unha semana e media despois de que o Estado Islámico admitira a autoría dos atentados no sur de Irán nas conmemoracións polo cabodano do  xeneral Qasem Soleimani -asasinado en 2020 polos Estados Unidos- nos que morreron 84 persoas. Tehran acusou Israel e os Estados Unidos, para os que o “terrorismo é só unha ferramenta”.

Comentarios