Carlota Álvarez: "O Faiado Podcast xurdiu hai un ano coa idea de completarmos as prácticas de Comunicación"

Carlota Álvarez é unha das oito integrantes de O Faiado Podcast, proxecto galardoado co premio a Mellor Canle no Carballo Interplay, sendo esta a primeira edición do festival que condecora a creación de contido dixital. Laura, Iria, Leila, Malena e Eva Fernández, Iria Ramos e Claudia Taboada completan o equipo.

Carlota Álvarez (terceira pola esquerda na fila de diante) xunto as integrantes do Faiado Podcast. (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Carlota Álvarez (terceira pola esquerda na fila de diante) xunto as integrantes do Faiado Podcast. (Imaxe: Nós Diario)

Como nace O Faiado?

Foi unha idea que xurdiu no verán do ano pasado entre varias compañeiras que ían comezar o seu último ano de carreira e que tiñan ganas de facer algo no que cada unha puidera explotar aquilo que lle gustaba facer e que complementara as prácticas que se nos ofrecen na Facultade de Ciencias da Comunicación (USC). Sobre todo, Iria Ramos foi a que comezou a darlle máis voltas e a xuntarnos a todas. De feito, eu, cando entrei no proxecto, só coñecía persoalmente tres delas porque algunhas somos doutro curso. 

O certo é que fomos xuntándonos de maneira moi orgánica e, aínda que nos comezos eramos máis, a medida que fomos perfilando a idea e vendo a nosa dispoñibilidade, houbo algunhas compañeiras que acabaron por deixalo. Agora mesmo somos as oito que comezamos todo. 

Como é organizarse entre oito persoas e ademais sen unha relación previa?

Facendo encaixe de palillos. O ano pasado estabamos todas na facultade, quedabamos todas as semanas, viámonos para comer... Ao final fixémonos amigas, polo que as reunións de traballo eran moi amenas e quizais era máis sinxelo. Este ano, tres están en Madrid, unha está traballando en Lugo, tres están en Santiago e eu estou en Ourense. Traballamos e estudamos e temos horarios practicamente imposíbeis de cadrar, polo que imos tirando como podemos. O contido para redes, edición dos episodios e demais é contido que podemos facer na casa, mais a gravación xa se nos complica moito polos horarios, mais tamén porque só podiamos asistir catro de nós. 

A presencialidade é algo que sempre tivemos moi claro porque a esencia do que facemos está, en gran parte, nestes momentos. Conseguímolo por poder pasar tempo coa xente á que convidamos. Con todo, é o que dicimos sempre: temos moitas ganas de seguir facendo e, como di Iria Ramos, de tirar para adiante co noso faiadiño, polo que dalgunha maneira conseguimos salvar todos estes obstáculos. 

Neste 2024 recibiron o premio do Carballo Interplay e o Premio Revelación de Youtubeiras. Que supón isto para O Faiado?

É que só hai un ano que comezamos. Cando recibimos o premio de Youtubeiras fíxonos tantísima ilusión que creo que non chegamos a asumilo e, de súpeto, estar como finalistas no Carballo Interplay foi como darnos de conta de que había xente que nos estaba dicindo que igual estabamos a facer as cousas ben. 

Falamos moito de que a síndrome da impostora, que recibimos todas, provoca que pensemos que cando recibimos un recoñecemento pensamos que tiveron que equivocarse. Con todo, se nalgún momento o esforzo que supón e todas estas dificultades das que falaba foron unha debilidade, todas estas recompensas e as persoas que se achegan para dicirnos que lles gusta o que facemos son un impulso para querer seguir. 

Vemos que non só nos escoitan as nosas amigas, senón que hai outras persoas que valoran o que facemos. E, por suposto, a cuestión económica: temos unha axuda incríbel por parte da facultade, que nos presta todo o material e o espazo e que celebra connosco os nosos logros, mais tamén é certo que moitas veces acababamos tirando do noso peto para os gastos que van xurdindo. É algo que nos pode axudar a profesionalizarnos.

Comentarios