Paquistán retira o embaixador en Irán despois dos ataques aéreos contra xihadistas en Baluchistán

Washington cualifica os hutís como terroristas
Cascallos após un ataque israelí a Rafah, no sur de Gaza, hoxe. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Cascallos após un ataque israelí a Rafah, no sur de Gaza, hoxe. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

O Goberno de Paquistán transmitiu hoxe que resolveu retirar o seu embaixador en Irán e reiterou o seu dereito a responder a unha “violación non provocada do seu espazo aéreo” por parte do Exército iraniano, tras o bombardeo pouco antes con mísiles e drones contra o territorio de Baluchistán dirixido contra o grupo xihadista Jaish al-Adl, que cometeu varios atentados en Irán e defende a independencia baluchi.

O ataque produciuse un día despois de que Irán lanzara mísiles contra posicións do Estado Islámico en Siria e unha sede da Intelixencia israelí no Kurdistán iraquí, cuxas autoridades negaron a presenza da entidade sionista, após acusar Israel de participar no atentado no que morreron máis de 80 persoas a comezos de ano no sur iraniano.

Asemade, os Estados Unidos incluíron o antiimperialista movemento hutí, do Iemen, na súa listaxe de organizacións terroristas. O grupo fora eliminado da relación nunha das primeiras decisións de Joe Biden ao asumir a Presidencia.

O Executivo sinalou que a medida entrará en vigor en 30 días e será revisada se os hutís acaban cos ataques a buques no mar Vermello, orientados a navíos vinculados con Israel para exixir a fin da súa agresión militar contra o territorio palestino de Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas definen como limpeza étnica e xenocidio.

Antes do anuncio, os hutís ameazaron coa expansión dos ataques a outras latitudes, “pois hai quen o impedirá por outros medios, e a nosa coordinación está avanzada nese sentido”.

Pola súa parte, Rusia defendeu que a seguridade da navegación no mar Vermello estaría garantida sen as “escapadas militares” dos Estados Unidos e a Organización do Tratado do Atlántico Norte na zona.

Medicamentos para Gaza

Amais, confirmouse a chegada ao cruce fronteirizo de Rafah, no sur de Gaza, dun cargamento de medicinas para a poboación, pactado entre Israel e a forza de Goberno da Faixa, Hamás, a cambio da entrega de medicamentos ás persoas israelís detidas na Faixa.

Comentarios