Suráfrica denuncia Israel

Israel senta no banco por xenocidio e Suráfrica afirma que foi "incapaz de refutar" a acusación

As mortes na Faixa de Gaza desde o comezo da agresión israelí xa son máis de 23.700.
Tal Becker, membro do equipo legal de Israel na Haia (Foto: Remko De Waal / ANP / DPA).
photo_camera Tal Becker, membro do equipo legal de Israel na Haia. (Foto: Remko De Waal / ANP / DPA).

O ministro de Xustiza de Suráfrica, Ronald Lamola, aseverou esta sexta feira que a defensa de Israel ante a acusación de xenocidio realizada polo Estado africano ante a Corte Internacional de Xustiza (CIX) foi "incapaz de refutar o convincente caso".

O equipo legal de Israel, que compareceu esta sexta feira na Haia, defendeu que as acusacións de xenocidio contra a poboación palestina non son máis que unha "distorsión groseira" da realidade, a pesar de que as vítimas mortais provocadas polos ataques israelís na Faixa de Gaza xa son máis de 23.700.

Lamola afirmou en resposta á comparecencia: "Nós atémonos aos feitos, á lei, e a todas as probas que facilitamos. O dereito á autodefensa [argumento de Israel] non pode ser unha escusa para o xenocidio, porque absolutamente nada pode selo".

Pola súa parte, as Nacións Unidas (ONU) denunciaron esta sexta feira os "fracasos recorrentes de Israel á hora de respectar o Dereito Internacional Humanitario no marco da súa ofensiva" e reiterou o seu chamamento a un cesamento do fogo "inmediato" para "pór fin ao enorme sufrimento e á perda de vidas".

Entre tanto, as principais compañías de telecomunicacións palestinas anunciaron esta sexta feira a interrupción dos servizos de internet e telefonía na Faixa de Gaza ante a "continuada" ofensiva de Israel, que tivo comezo xa hai máis de tres meses.

Alerta en Cisxordania

Por outra parte, a ONU recalcou que a súa oficina de Dereitos Humanos verificou o pasamento de 330 persoas palestinas en Cisxordania e Xerusalén Leste, 84 delas crianzas, entre o 7 de outubro de 2023 e o 10 de xaneiro de 2024. A organización especificou que 321 destas persoas faleceron a mans das forzas represivas mentres que oito fixérono a mans de colonos israelís. Ademais, a causa dunha das mortes segue a ser investigada. 

"En paralelo, as comunidades pastorais foron desprazadas pola forza na súa totalidade a causa da violencia dos colonos, o que podería equivaler a un traslado forzoso", alertou a Organización das Nacións Unidas.

Comentarios