A ONU denuncia a "clara violación do dereito internacional" en Gaza, que padece unha "destrución a un ritmo sen precedentes"

Con máis de 30.000 persoas mortas ou desaparecidas en pouco máis de tres meses en Gaza, a Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e o Comité Española da Unrwa organizaron hoxe no Teatro Principal de Compostela a palestra 'Palestina: Dereitos en risco, humanidade en acción'.
Núñez (Iecah), Jaber (F. Araguaney), Rosón (PSOE), Martí (Unrwa), Sanmartín (alcaldesa de Compostela), Louzao (BNG), Rubio (PP) e Jaber (F. Araguaney), hoxe. (Foto: Grupo Araguaney)
photo_camera Jesús Núñez (Iecah), Ghaleb Jaber Ibrahim (F. Araguaney), Mercedes Rosón (PSdeG), Raquel Martí (Unrwa), Goretti Sanmartín (alcaldesa de Compostela), Míriam Louzao (BNG), Borja Rubio (PP) e Ghaleb Jaber Martínez (F. Araguaney), hoxe.

A agresión militar de Israel contra o territorio palestino de Gaza “desatou unha destrución a un ritmo sen precedentes”, sentenciou hoxe o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, ao conmemorar os 100 días desde o inicio dos bombardeos que deron paso ao intento de invasión. “Nada pode xustificar o castigo colectivo do pobo palestino”, recalcou, incidindo en que “estou profundamente preocupado pola clara violación do dereito internacional humanitario que estamos a presenciar”, nunha ofensiva sionista que persoas expertas da ONU cualifican de limpeza étnica e xenocidio.

Entrementres, Majed Bamya, embaixador palestino perante o organismo internacional, explicou que “xa non hai casas onde vivir, nin escolas nin universidades nas que estudar, hospitais onde curar nin mesquitas nin igrexas nas que rezar, nin terras agrícolas que cultivar, nin auga potábel, nin mercados onde comprar nin seguridade, non hai futuro”.

Esta situación foi confirmada por Raquel Martí, directora do Comité Español da Axencia da ONU para os refuxiados palestinos (Unrwa), que participou hoxe nunha charla en Compostela organizada pola entidade e a Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, coa colaboración do Concello. En declaracións a Nós Diario, detallou que “a morte volveuse tan común que todos os días hai fosas de cadáveres sen identificar, uns datos descomunais, destruíronse 70% das infraestruturas en Gaza”, sinalando que “cando isto acabe a poboación non vai ter ningún lugar ao que regresar”.

Asemade, “agora mesmo hai unha alarma sobre a fame masiva que se aveciña”, con zonas “ás que practicamente non se nos deixa chegar, como o norte de Gaza”, corroborando a “magnitude de todos os números, das vítimas, do grao de destrución, a escala é enorme”, e facendo fincapé na “rapidez” coa que se produciron.

Máis de 24.000 persoas foron asasinadas polos bombardeos indiscriminados de Israel contra Gaza, ao que hai que engadir máis de 7.000 persoas desaparecidas. Martí indica que “en Gaza foron asasinadas máis crianzas que no conxunto dos conflitos a nivel global nos últimos anos”, cun millar de crianzas que sufriron amputacións, amais da morte de 152 traballadoras e traballadores humanitarios, unha cifra inédita na “historia enteira da ONU”.

Nese sentido, advirte que o desprazamento masivo de 85% da poboación palestina de Gaza -algo contrario ao dereito humanitario internacional-, que se tivo que concentrar maioritariamente en Rafah, no sur do territorio, está a causar que os refuxios da Unrwa estean ateigados con 1,4 millóns de persoas, multiplicando a propagación de doenzas ao compartir de media 400 persoas cada retrete e máis de 4.000 cada ducha.

Ademais, refírese a un alto o fogo inmediato como a “única maneira que hai para salvar a poboación” e evitar que morra polas bombas, a “inanición, deshidratación e polas doenzas infecciosas”, un cesamento de hostilidades para salvar tamén “a nosa humanidade e os dereitos humanos”, que “estamos a ver que só se respectan en determinados sitios”.

O outro participante na palestra, Jesús Núñez Villaverde, co director do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (Iecah), resolveu que Israel “non ten un plan B deseñado, e para conseguir a limpeza étnica quere convencer Palestina que non ten futuro na súa terra” para alcanzar o obxectivo do sionismo. Ao tempo, descarta a Nós Diario un alto o fogo até que Israel considere logradas as metas “da súa operación de castigo”, asegurando que os Estados Unidos non van premer “máis alá deste punto” e até están dispostos a “seguir bloqueando na ONU calquera proposta de resolución no Consello de Seguridade” no medio da “pasividade dos países árabes” e da “impotencia da Unión Europea”.

Arredor da demanda de Suráfrica na Corte Internacional de Xustiza contra Israel por xenocidio, salienta que incluso no caso de que se emitan medidas provisorias para frear a agresión o tribunal non conta con instrumentos para obrigar Israel a cumprilas.

En paralelo, abunda en que “é imposíbel” resolver pola vía militar “un problema como o que supón o terrorismo internacional”, citando a cualificación de Hamás, que goberna Gaza, como terrorista por parte de Washington ou Bruxelas. “A cuestión non é tanto se Israel está a eliminar combatentes de Hamás senón se o que está a facer é crear novos combatentes de Hamás”, asevera, pois aínda que Israel reitera que matou aproximadamente 9.000 combatentes a estimación é que conta con 40.000 milicianos.

Escalada

No tocante á expansión do conflito tras o comezo dos bombardeos estadounidenses contra as posicións do movemento hutí no Iemen, Núñez asevera que “é imposíbel descartar” esa posibilidade, mais matiza que Israel, a libanesa Hezbolá ou Irán non están interesados.

No caso dos dous últimos posto que “saben que iso implicaría directamente os Estados Unidos”, e no caso sionista para “poder concentrar todo o seu esforzo bélico en Gaza”. No que atinxe ao primeiro ministro do Executivo de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, defende que busca prolongalo mais non escalalo para evitar a perda do seu cargo.

Palestina pide á Xustiza Internacional unha decisión urxente

Mohammad Shtayyeh, primeiro ministro da Autoridade Palestina, reclamou hoxe a Corte Internacional de Xustiza que emita unha decisión “urxente” sobre a demanda contra Israel por xenocidio presentada por Suráfrica, nunha intervención na que instou os Estados Unidos e o resto de “patrocinadores” de Israel a premer para que acabe con seus “crimes”.

No mar Vermello, o iemení movemento hutí, integrado no Eixo da Resistencia, respondeu aos ataques aéreos de Washington e Londres contra as súas posicións lanzando un mísil que impactou nun buque de propiedade estadounidense. “Os ataques para deter os barcos israelís ou aqueles que se dirixen aos portos da Palestina ocupada continuarán”, ratificou Mohammed Abdulsalan, da dirección hutí.

Nesta liña e a pesar da despregadura de barcos militares para garantir a navegación na contorna do canal de Suez, as Forzas Armadas estadounidenses recomendaron aos navíos de bandeira ou propiedade dos Estados Unidos que eviten a zona próxima ao Iemen.

Xa no Iraq e Siria, medios internacionais confirmaron que o domingo producíronse tres novos ataques de grupos do Eixo da Resistencia contra bases militares de Washington en ambos os dous países, sumando máis de 100 desde o 7 de outubro.

Comentarios