O ISIS reivindica a autoría do atentado de Kermán, en Irán

A Garda Revolucionaria cualifica os feitos de "accións de inimigos".
Danos materiais provocados polas explosións en Kermán. (Foto: Europa Press / Contacto / 
 Farsnews)
photo_camera Danos materiais provocados polas explosións en Kermán. (Foto: Europa Press / Contacto / Farsnews)

Estado Islámico reivindicou a autoría do dobre atentado perpetrado na cuarta feira na cidade iraniana de Kermán durante as conmemoracións do cuarto aniversario do asasinato do xeneral Qasem Soleimani, abatido o 3 de xaneiro de 2020 nun bombardeo dos Estados Unidos de América sobre Irak. 

Cando menos 84 persoas morreron e máis de 280 resultaron feridas neste ataque, atribuído inicialmente a bombas activadas por control remoto pero que, segundo fontes citadas pola axencia de noticias oficial IRNA, foi en realidade obra de terroristas suicidas. Así o determinaron os investigadores en cando menos unha das explosións, despois do visionado das cámaras de seguridade da zona. 

As autoridades iranianas prometeron unha resposta contundente contra os responsábeis das explosións e Estado Islámico asumiu a autoría nun comunicado divulgado onte polas súas canles comunicación e recollido polo portal de vixilancia de información yihadista SITE. Nesta nota, o grupo tamén asegura que foi un atentado suicida. 

Accións de "inimigos"

Teherán, non obstante, evitou responsabilizar ningún grupo polo atentado nas sucesivas declaracións das principais autoridades do país.  Tampouco o fixo onte a Garda Revolucionaria, corpo ao que pertencía Soleimani, alegando que este tipo de incidentes "non servirán para aumentar a inestabilidade".

A Garda Revolucionaria sinalou que se trata dunha acción de "inimigos" que queren vingarse da veneración que profesa a cidadanía cara a Soleimani, convertido nestes últimos anos nun símbolo de resistencia e figura habitualmente presente nos discursos de dirixentes, especialmente polo papel que os Estados Unidos de América desempeñaron no ataque que lle custou a vida. A Garda Revolucionaria avogou por seguir "combatendo o terrorismo". 

Comentarios