Os constantes bombardeos israelís deixan 400 mortes palestinas en apenas 24 horas

O Exército israelí bombardeou os arredores do complexo médico da Al Shifa, no centro da cidade de Gaza, así como o do hospital da Al Quds, no oeste.
Rescates de poboación palestina após un bombardeo israelí (Foto: Mohammed Talatene / dpa).
photo_camera Rescates de poboación palestina após un bombardeo israelí (Foto: Mohammed Talatene / dpa).

Fontes médicas palestinas informaron da morte de polo menos 400 persoas polos bombardeos do exército Israelí perpetrados na madrugada deste domingo contra a Faixa de Gaza.

Tras unha nova xornada de ataques, as FDI (exército de Israel) continuaron arremetendo contra o enclave ao longo da noite e, segundo publicou a axencia de noticias palestina Wafa, as forzas israelís cometeron 25 masacres tras disparar contra edificios residenciais.

Así, a artillaría e a aviación israelí tiveron como principais obxectivos a zona norte da Faixa, como Yabalia e Beit Lahia, aínda que tamén atacaron Jan Yunis e Rafá, no sur.

Posteriormente, o Exército israelí cifrou en 320 os obxectivos atacados ao longo do enclave durante a xornada, sostendo que se trata de “obxectivos militares”.

"No último día, as FDI destruíron obxectivos que poderían pór en perigo ás forzas que se preparan para unha manobra na Faixa de Gaza", reza un comunicado que apunta a que na operación atacaron decenas de lanzadores de morteiro, posicións antitanques e escuadróns.

As FDI reclamaron á poboación local a evacuación da zona norte para intensificar a súa campaña de bombardeos, unha exixencia criticada pola ONU e diversas ONG ante a enorme dificultade para levar a cabo estes traslados entre os ataques aéreos, o que se suma á imposibilidade de trasladar a feridos e enfermos, entre outros.

Complexos médicos

Ademais, o Exército israelí bombardeou os arredores do complexo médico da Al Shifa, no centro da cidade de Gaza, así como o do hospital da Al Quds, no oeste; Israel lanzou en numerosas ocasiones avisos para evacuar centros de saúde baixo ameaza de bombardealos.

Segundo fontes do Ministerio de Saúde palestino consultadas pola citada axencia, esta é unha estratexia cuxo obxectivo é someter a unha presión aínda maior ao sistema sanitario palestino, que se atopa practicamente colapsado, unha situación que pode agravarse pola falta de combustíbel nos hospitais.

Comentarios