Voces de Palestina

Desgarrador testemuño dun pai desde Gaza: "Non sabemos se estamos nun lugar seguro; xa non os hai"

Sami, pai palestino de cinco crianzas e membro do persoal de Unicef, relata o seu día a día desde que a súa familia tivo que fuxir e deixar atrás toda unha vida no medio duns bombardeos que xa destruíron unha de cada catro vivendas en Gaza, así como numerosas instalacións hospitalarias e educativas. "Estase acabando a auga potábel, a miña misión mañá será atopar máis", advirte.
Un home camiña entre os cascallos de dous edificios da Cidade de Gaza derruídos polo impacto da artillaría israelita. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Un home camiña entre os cascallos de dous edificios da Cidade de Gaza derruídos polo impacto da artillaría israelita. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

"Hoxe marchamos, deixamos a nosa casa no norte. Foi moi doloroso e impactante ter que marchar deixando atrás o noso fogar e os nosos recordos. Non sabemos se poderemos volver á nosa casa, e ese non é o noso maior medo, por suposto". Así comeza o seu relato Sami, un pai de cinco crianzas residente na zona norte da Faixa de Gaza, o territorio que as autoridades de Israel ordenaron evacuar ante a inminencia dunha previsíbel invasión terrestre e os continuos bombardeos.

Buscan, segundo o Goberno de Benjamin Netanyahu, "obxectivos militares" de Hamás, tales como centros operacionais ou arsenais. Pero a realidade, e así o evidencian día tras día os efectivos da ONU despregados en Gaza, tamén foron albo dos ataques dos últimos días unha ducia de mesquitas, 170 instalacións educativas —entre elas unha vintena pertencentes á rede da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA, en inglés)— e até 59 centros sociosanitarios e hospitais.

Un deses traballadores da ONU, nomeadamente do corpo de Unicef, é o propio Sami, que a través dunha mensaxe de audio á que tivo acceso Nós Diario narra como foi a súa fuxida e a precaria —e terríbel— situación na que se atopan actualmente el e mais a súa familia, mais tamén milleiros de palestinos desprazados pola forza dos seus fogares: "Tememos polas nosas vidas, non sabemos se haberá bombardeos aquí ou alá. Non sabemos se este lugar é seguro, porque basicamente xa non o é ningún en Gaza".

Canda Sami residen actualmente 17 persoas "nun sitio moi pequeno, de apenas 70 metros". Crianzas e adultos conviven nese reducido espazo, "e sen auga corrente", precisa. "Hoxe tiven que ir recoller auga en cubos, auga que basicamente serve para o baño, porque non a podemos usar para nada máis. Estivemos bebendo das botellas que tiñamos, pero xa se nos están acabando. Así que a miña misión mañá será, basicamente, conseguir auga potábel".

Con base nos últimos datos ofrecidos pola ONU, unhas 98.000 vivendas foron derrubadas parcial ou totalmente por mor dos ataques da última semana e media. Ou, o que é o mesmo, nada menos que 25% do total de Gaza. Unha de cada catro vivendas, destruídas ou danadas. E os problemas nas comunicacións, afirma este traballador de Unicef palestino, son cada vez peores. "Non podemos chamar por teléfono e é moi difícil contactar con outros membros da nosa familia", lamenta.

Os seus irmáns e as súas respectivas familias tamén se desprazaron a outras zonas do sur, como Rafah, cuxo paso fronteirizo cara a Exipto está fechado pero abrirá nas vindeiras horas para deixar pasar 20 camións con alimentos e outros bens básicos para a poboación. Antes do estoupido da guerra o pasado 7 de outubro, porén, a Faixa de Gaza precisaba a axuda humanitaria duns 100 camións cada día.

"Trato de manter a calma, de verdade que o intento, pero ás veces sinto que me vou derrubar, que non podo soportalo máis. Só o feito de ter que coidar da miña muller e os meus fillos dáme esperanza para continuar", conclúe Sami, que agarda canda a súa familia o devir dos acontecementos nunha rexión na que xa se contabilizan perto de 3.800 vítimas mortais en menos de dúas semanas, as mesmas que en toda a década anterior, entre xaneiro de 2013 e o primeiro mes de 2023.

Comentarios