Israel ataca "accidentalmente" un posto militar exipcio

Prosegue a escalada do conflito entre Israel e Hezbollah na fronteira do Líbano.
Soldado nun carro de combate de Israel (Foto: Ilia Yefimovich / DPA).
photo_camera Soldado nun carro de combate de Israel (Foto: Ilia Yefimovich / DPA).

As Forzas Armadas de Israel informaron este domingo de que un dos seus carros de combate disparou “accidentalmente” contra un posto militar exipcio perto do paso fronteirizo de Kerem Shalom, ao sur de Rafah.

“Un carro de combate disparou e impactou hai pouco contra un posto exipcio próximo á zona fronteiriza de Kerem Shalon”, indicou o Exército israelita. “As Forzas de Defensa de Israel queren manifestar o seu pesar polo acontecido”, engadiu o comunicado.

Os feitos aconteceron na rexión fronteiriza de Kerem Shalon, no vértice sur da Faixa de Gaza, segundo informou Israel, que sinalou que “o incidente está sendo investigado”. Cando menos nove persoas resultaron feridas, segundo indican medios locais.

Escalada no Líbano

Por outra parte, o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, avisou este domingo que o Líbano se converterá no escenario dunha guerra “devastadora” se a milicia chiíta Hezbollah decide intensificar os seus ataques até o punto dun enfrontamento en firme.

“Se Hezbollah entra na guerra, vai botar de menos a Segunda Guerra do Líbano”, afirmou Netanyahu durante unha visita a un dos postos militares ao norte de Israel, perto da fronteira libanesa, sobre o conflito desatado en 2006 con Hezbollah e outras milicias afíns que se saldou cuns 1.300 mortos pola parte libanesa, a maioría civís, e uns 200 pola parte israelita, militares na súa maioría.

O primeiro ministro insistiu en “Hezbollah cometería o maior erro da súa vida” se decidise abrir unha fronte de combate con Israel, que “devolverá o golpe con tanta forza que non se poden imaxinar o punto até o que tería consecuencias devastadoras tanto para Hezbollah como para o Líbano”.

Aos militares israelitas, díxolles que atopan ante “a batalla das vosas vidas”. “É matar ou morrer, e hai que matalos”, declarou. Tamén nas últimas horas, o ministro de Economía de Israel, Nir Barkat, avisou que se Hezbollah decide abrir unha fronte de combate no norte desde o Líbano, atacarán a Irán como “mecenas” da organización.

“O plan de Irán é atacar Israel en todas as frontes. Se descubrimos que teñen a intención de atacar Israel [desde o Líbano] tamén atacaremos a cabeza da serpe”, asegurou Barkar nunha entrevista co xornal británico Daily Mail.

Israel e Hezbollah, ao mesmo tempo, están tendo enfrontamentos este domingo na fronteira con ataques cruzados que podería resultar nunha escalada maior. Hezbollah, polo momento, xa confirmou a morte de 21 militantes das súas filas desde que comezou o conflito, tras dúas novas baixas este domingo polo impacto de mísiles israelitas.

Comentarios