Israel programa estender durante "meses" ou "anos" a agresión militar contra Palestina

O líder británico Rishi Sunak desprázase a Israel para reiterar o seu apoio, como un día antes fixo o estadounidense Joe Biden, nunha xornada na que os ataques israelís se centraron nas panadarías, cheas perante a inminente fin dos alimentos na Faixa de Gaza.
Civís loitando a quinta feira para rescatar baixo os cascallos vítimas dun ataque israelí en Rafah, onde se sitúa o paso fronteirizo de Gaza con Exipto (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA).
photo_camera Civís loitando a quinta feira para rescatar baixo os cascallos vítimas dun ataque israelí en Rafah, onde se sitúa o paso fronteirizo de Gaza con Exipto. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA)

No mínimo 3.785 palestinas e palestinos foron asasinados até a quinta feira en bombardeos israelís á Faixa de Gaza desde o 7 de outubro. Defensa de Nenas e Nenos Internacional reportou que cada 15 minutos os soldados israelís matan unha crianza palestina. Na ocupada Cisxordania, máis de 70 persoas foron asasinadas por tropas e colonos de Israel. O rápido aumento da cifra de vítimas explicita o carácter indiscriminado dos bombardeos israelís, cuxas Forzas de Defensa chegaron a afirmar que dan prioridade ao dano por riba da precisión, entrementres, só a contagotas foron afectados cargos de Hamas, como o líder das forzas de seguridade de Gaza, Jehad Mheisen, ou Yamila Abdala, deputada palestina e fundadora do movemento de mulleres da formación, que faleceron a quinta feira.

Para Israel, as persoas achegadas dos cargos de Hamas tamén son un obxectivo, como amosa o asasinato nun bombardeo de 14 membros da familia de Ismail Haniyeh, líder de Hamas exiliado en Catar. No medio disto, que sumado ao asedio da poboación civil en Gaza foi considerado polos países árabes e organizacións como Amnistía Internacional crimes de guerra, ao tempo que a Organización das Nacións Unidas (ONU) abriu a porta a cualificalo como crime contra a humanidade, chegou a Israel o primeiro ministro británico, Rishi Sunak, un día despois da visita do seu homólogo estadounidense, Joe Biden.

Sen mencionar o sufrimento do pobo palestino, que catalogou como “vítima do que fixo Hamas”, en referencia á incursión liderada pola forza palestina hai 13 días, na que morreron máis de 1.400 persoas e máis de 200 foron capturadas para forzar o seu intercambio polas capturadas por Israel, Sunak destacou que “estou aquí para expresar a miña solidariedade”, insistindo en que “queremos que gañen”.

Como aconteceu con Biden, os países árabes rexeitaron reunirse con el após o bombardeo israelí a un hospital de Gaza, no que se rexistraron case 500 decesos, sinala a axencia Reuters. Malia que Israel segue negando a súa responsabilidade, a quinta feira foron danados máis hospitais en Gaza, e a Organización Mundial da Saúde elevou a 59 os ataques a instalacións sanitarias. 25% das vivendas de Gaza foron destruídas ou danadas.

Ataques a panadarías

En paralelo á xuntanza de Sunak co primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, a axencia WAFA informou de que Israel lanzou unha vaga de ataques contra panadarías en distintos puntos de Gaza, matando ducias de persoas e ferindo centos que facían fila no contexto da fin dos alimentos e a auga en Gaza, froito do asedio ao que Tel Aviv somete o territorio como castigo colectivo a un pobo que xa padeceu dúas limpezas étnicas por parte de Israel, sen contar a agresión actual.

A fin da auga, varios días despois de que a poboación de Gaza comezara a beber de pozos non potábeis, é unha “cuestión de vida ou morte”, alertou a ONU, o que non impediu que o líder da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), os Estados Unidos, vetara hai dous días unha resolución no Consello de Seguridade da ONU para estabelecer pausas humanitarias na agresión.

A pesar dos sucesivos masacres perpetrados contra os palestinos nos últimos días, e no marco do apoio fechado que recibe Israel dos países agrupados na alianza militar, o membro do Gabinete de guerra israelí e ex ministro de Defensa Benny Gantz adiantou que “levará moito tempo; a guerra no sur, e se é preciso tamén no norte ou en calquera outro lugar, podería levar meses e a reconstrución tardará anos”, recolleu The Times of Israel.

Porén, o portal Axios trasladou que un funcionario israelí admitiu que o propio Gantz sostivo nunha conversa con Biden que a operación para desmantelar Hamas “podería levar anos”. O membro do Executivo de extrema dereita israelí tamén prometeu que no futuro o sur do Estado “será 100% un paraíso”. A este respecto, o ministro de Exteriores israelí, Eli Cohen, gabouse de que “ao final desta guerra” o territorio de Gaza “diminuirá”. Israel xa colonizou 85% do territorio palestino, e no resto colocou arredor de 750.000 colonos con apoio militar.

No que atinxe á suposta entrada de 20 camións de axuda humanitaria a sexta feira pactada entre Biden e Netanyahu desde Exipto polo paso fronteirizo de Rafah, no caso de que Israel o deixe de bombardear, a Axencia da ONU para os refuxiados palestinos considerouna “ridícula”, posto que, antes desta agresión israelí, a meirande parte dos 2,3 millóns de persoas que viven en Gaza xa dependían de 100 camións diarios de axuda humanitaria após 16 anos de bloqueo por parte de Tel Aviv.

Tamer Qarmout, do Instituto de Posgrao de Doha, definiuna como unha “broma de mal gusto”, e “vergoñenta” ao provir de Estados “que din ser democráticos e apoiar os dereitos humanos e a igualdade”, instándoos a tratar “os palestinos como tratan outros seres humanos”.

Logo do ataque a dúas bases militares dos Estados Unidos en Siria, que acollen tropas e mercenarios, o Departamento de Estado de Washington emitiu unha alerta de “precaución mundial” polo “potencial de ataques terroristas, manifestacións ou accións violentas contra cidadáns e intereses estadounidenses”.

Comentarios