PP, BNG e PSOE aproban en Pontevedra unha condena á "violencia" de Hamás e os "actos de terror" de Israel en Gaza

A moción foi impulsada polos populares mais recolleu as emendas de nacionalistas e socialistas.
Servizos de emerxencia buscan sobreviventes baixo os cascallos en Rafah, na rexión palestina de Gaza. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA)
photo_camera Servizos de emerxencia buscan sobreviventes baixo os cascallos en Rafah, na rexión palestina de Gaza. (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA)

O pleno do Concello de Pontevedra vén de aprobar, cos votos do tres grupos —PP, BNG e PSOE— unha moción impulsada polos populares e que, após as emendas incorporadas, frutificou nun texto no que se condena a "violencia" de Hamás nos atentados en Israel e os "actos de terror" sobre a poboación civil palestina. A moción condena os atentados "incualificábeis e cunha violencia extrema" de Hamás en territorio israelita e "os asasinatos e actos de terror" que Israel exerce contra a poboación civil de Palestina.

"Pontevedra non pode ser inmune a este atentado", sinalou o portavoz do PP, Rafa Domínguez, que salientou que "Hamás utilizou unha crueldade inusitada" contra Israel. O grupo municipal do Partido Popular aceptou as emendas presentadas polo BNG e polo PSOE para "non xerar polémica". O BNG presentou unha emenda centrada na necesidade de reclamar a Israel que "pare xa" de bombardear Palestina e permita a apertura de corredores humanitarios "ininterrompidos" para asistir a poboación civil, porque "é urxente que non morra máis xente".

"É un clamor no mundo que Israel ten que parar", sostivo a concelleira nacionalista Carme da Silva. Para ela, os atentados de Hamás son "imperdoábeis", pero engadiu que a resposta de Israel "non é xustiza, senón que é un xenocidio" porque a poboación palestina "está a ser arrasada".

O grupo municipal do PSOE tamén presentou unha emenda de adición á moción do PP na que se insta o Pleno do Concello a condenar os ataques terroristas de Hamás contra Israel e ao Goberno de España a que defenda que a Unión Europea manteña as axudas de carácter humanitario dirixidas ao pobo palestino, garantindo que ningún financiamento finalice dando soporte a organizacións terroristas.

Os socialistas apoiaron o contido expresado na proposta 'popular', pero consideraron necesario que se engadise un novo punto no que se incluíse un rexeitamento expreso aos ataques e accións de asedio —cortes de auga, alimentos e subministración eléctrica— contra os dous millóns de civís que habitan na Faixa de Gaza. En concreto, a emenda socialista dicía: "Condenar, do mesmo xeito, os asasinatos e actos de violencia de calquera tipo perpetrados contra a poboación civil de Palestina".

O seu líder, Iván Puentes, confiou en que o tres grupos chegasen a un acordo "nun asunto que os ten absolutamente consternados e preocupados" e sobre o que todas as persoas esperan que se "poida frear canto antes a escalada de violencia e garántase a seguridade dos pobos de Israel e Palestina".

Comentarios