Biden enviará máis de 900 millóns de euros en armas a Israel despois das ameazas inocuas sobre Rafah

O Exército sionista ataca unha clínica da ONU e un grupo de persoas que buscaban conexión a internet na Faixa.
Joe Biden. (Foto: Europa Press / Contacto / Samuel Corum - Pool via CNP)
photo_camera Joe Biden. (Foto: Europa Press / Contacto / Samuel Corum - Pool via CNP)

O Goberno dos Estados Unidos, encabezado por Joe Biden, trasladou a membros do lexislativo que programa autorizar unha venda de armas e municións por valor de 920 millóns de euros a Israel, que inclúen municións para tanques, vehículos tácticos e proxectís de morteiro, informou na madrugada da cuarta feira a axencia AP.

Este anuncio chega despois de que o réxime de apartheid sionista ignorara a ameaza de Biden de suspender os envíos de armas ofensivas se asaltaba Rafah, cidade do sur gazatí na que se atopa o cruce fronteirizo con Exipto, que foi tomado polas tropas israelís.

Presión polas eleccións

“O reloxo electoral corre”, incidiu a Al Jazeera Gershon Baskin, da Organización de Comunidades Internacionais, que explicou a decisión de Biden como unha combinación da presión dos lobbies pro israelís, dos grupos cristiáns “de liña dura” e das críticas do Partido Republicano.

No terreo, como mínimo 35.233 persoas foron asasinadas en Gaza desde outubro polo Exército sionista no marco da súa agresión militar, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de xenocidio e limpeza étnica.

Un grupo de expertas acompañadas pola Rede Universitaria para os Dereitos Humanos efectuou unha análise legal e concluíu que está a perpetrar un xenocidio e busca “provocar a destrución física dos palestinos en Gaza, un grupo protexido e unha parte substancial do pobo palestino”.

Ataques a civís

No enclave, repórtanse enfrontamentos das organizacións da resistencia con soldados israelís en Rafah, onde fuxiu máis de medio millón de persoas que xa foran desprazadas pola violencia israelí, e no norte de Gaza, lugar no que Israel bombardeou unha clínica da ONU e un grupo de persoas que trataba de atopar unha conexión a internet.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios