A OTAN estuda o envío de máis armamento ao Exército ucraíno

Beijing pide a Washington respostas polos globos que violaron o espazo aéreo chinés, á vez, a OTAN debate mandar máis armamento a Kíiv coa presión dos Estados Unidos.
Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN. (Foto: NATO / dpa)
photo_camera Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN. (Foto: NATO / dpa)

Os ministros de Defensa dos Estados membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e outros aliados comezaron onte en Bruxelas (Bélxica) unha reunión que rematará hoxe para abordar o envío de máis armas e munición ao Exército ucraíno no marco da guerra contra Rusia, unha opción a prol da que están a premer os Estados Unidos, o país que lidera a alianza militar, que reclamou “intensificar” a axuda militar a Kíiv.

Asemade, explicou que esta axuda se fundamenta na fase “crítica” na que se atopa o conflito bélico, cos soldados rusos avanzando no Donbás nas últimas semanas, segundo recoñeceu a Intelixencia británica.

Este debate chegou 24 horas despois de que o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, recoñecera que “a taxa actual de gasto de municións de Ucraína é moitas veces maior que a nosa taxa actual de produción, o que pon as nosas industrias de defensa baixo presión”, isto está a “esgotar as reservas” dos países da alianza militar, resolveu. O mesmo Stoltenberg xa pedira a comezos de xaneiro que os Estados da OTAN pasasen a “economía de guerra”.

Así e todo, os medios internacionais non prevén que se dea luz verde á entrega de avións de combate, a principal petición de Ucraína desde que se confirmou que Berlín aceptou enviar os seus tanques e autorizar a terceiros países a facer o mesmo. O secretario xeral sinalou que os cazas non son un “tema urxente” e instou a concentrarse no envío dos tanques.

Xa na xuntanza, o ministro de Defensa alemán, Boris Pistorius, destacou que 1.200 militares ucraínos recibiron formación no país teutón. Con respecto á entrada de Suecia e Finlandia na alianza militar, a entidade descartou cando menos até o verán que se analice a cuestión, aceptando as datas fixadas por Turquía, que descartou tomar unha decisión antes.

Disputa dos globos

Wang Wenbin, voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores chinés, exixiu a Washington “unha investigación a fondo” e “simplemente dar explicacións” sobre a información ofrecida polo país asiático a segunda feira na que denunciaba que globos estadounidenses violaron até 10 veces o seu espazo aéreo desde 2022, o que foi negado polo Executivo de Joe Biden.

Outro tanto fixo Rusia, que pediu explicacións aos EUA sobre que está a acontecer que non impliquen “culpar” outros países, tras as palabras de Stoltenberg nas que sinalaba cara a Beijing e Moscova acusándoos de espiar os membros da OTAN por medio destes globos.

Comentarios