A OTAN organiza a entrega de tanques e Kíiv comeza a pedir avións de combate

Esclarécense as datas nas que membros da OTAN contan con entregar tanques aos militares ucraínos, mentres agardan a que máis países se sumen á proposta. 
Soldados estadounidenses nun tanque M1 Abrams durante unhas manobras militares en Alemaña en 2022. (Foto: Armin Weigel / dpa)
photo_camera Soldados estadounidenses nun tanque M1 Abrams durante unhas manobras militares en Alemaña en 2022. (Foto: Armin Weigel / dpa)

Após a decisión de Berlín e Washington da cuarta feira de enviar tanques ao Exército de Ucraína no marco da guerra no país, a quinta feira comezaron a concretarse os prazos e a organizarse no seo da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) unha operación para coordinar as achegas deste armamento a Kíiv.

Alemaña indicou que a finais de marzo ou comezos de abril estarán en Ucraína os 14 tanques Leopard 2 que decidiu enviar nunha primeira fase, nun proceso no que busca mandar até 88 unidades aos militares ucraínos. Entrementres, Polonia sostivo que estarán preparados para remitir os 14 tanques cuxa reexportación acabou por aprobar Berlín “en poucas semanas”.

No caso dos Estados Unidos, que informaron dun envío de 31 tanques M1 Abrams, o Executivo destacou que “levará tempo” a chegada dos vehículos blindados a Kíiv. Nese sentido, os 14 Challenger 2 prometidos por Londres estarán operativos en Ucraína a finais de marzo, ao que hai que engadir catro Leopard anunciados polo Canadá.

Até seis países que posúen Leopard 2, o tanque máis utilizado polos membros europeos da OTAN, como Portugal ou o Estado español, reuníronse onte pola tarde co ministro de Defensa alemán, Boris Pistorius, para coordinar novas entregas.

Arredor desta cuestión, Madrid estuda enviar os tanques almacenados en Zaragoza despois dun proceso de acondicionado, a pesar de que meses atrás defendera que o seu “lamentábel” estado facía imposíbel esta medida, chegando a afirmar que o seu uso sería perigoso para os militares ucraínos.

A resposta do Goberno de Volodimir Zelenski en Ucraína aos envíos de tanques foi reclamar que os países da OTAN lles envíen agora avións de combate, unha posibilidade que tanto Berlín como Washington negaron polo de agora.

Debate en Alemaña

A decisión do chanceler Olaf Scholz, que se resistira a autorizar o envío de tanques a Ucraína, está a xerar un importante debate en Alemaña, pois arredor de 40% da poboación está en contra da medida, apoiada por máis de 50% segundo unha enquisa de Forsa. Aínda así, na Alemaña Oriental o rexeitamento acada 65%.

Entre as forzas políticas o maior apoio a mandar armamento está nos Verdes, unha formación teoricamente pacifista mais que grazas á ministra de Exteriores, Annalena Baerbock, está a converterse na principal defensora destes envíos.

A enquisa tamén recolle un dos principais motivos que frearon a decisión de Scholz, pois máis de 40% das persoas que participaron no estudo teme que Moscova reaccione militarmente contra Alemaña. Der Spiegel apunta que “lle preocupaba que, sen importar quen fornecese os Leopard, Rusia os vexa como tanques alemáns”, nunha situación con efectos non só militares por mor da relación mantida entre Moscova e Berlín nas últimas décadas, marcada polos crimes alemáns na Segunda Guerra Mundial, o que lle impón “unha responsabilidade histórica” con Rusia, indica o Kremlin. Algúns estudos elevan a máis de 20 millóns as mortes na Unión Soviética para conseguir vencer o fascismo.

Precisamente no antigo campo de concentración de Auschwitz-Birkenau, situado en Polonia, decorrerá hoxe a conmemoración do 78º aniversario da liberación dos prisioneiros por parte do Exército Vermello soviético. Aínda así, Rusia non estará tras ser excluída.

Con relación á participación da OTAN na guerra, que a alianza militar nega, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, asegurou que “Moscova percibe todo o que veñen facendo”, que considerou “unha implicación directa no conflito”.

Guerra en Ucraína

A nivel militar, unha vaga de ataques rusos contra instalacións enerxéticas provocou 11 mortes en distintas partes de Ucraína. O operador estatal Ukrenergo informou de danos nas instalacións en rexións do centro e do sur do país.

Asemade, o presidente Zelenski recoñeceu os avances das tropas rusas no leste após os anuncios do Exército de Moscova da toma de múltiples localidades nas últimas semanas.

Comentarios