A OTAN impulsa negociacións para aumentar o gasto militar

A alianza militar aspira a fixar un mínimo de 2% do PIB de gasto militar entre os seus membros, nun ano récord de gasto militar mundial e na Unión Europea.
Jens Stoltenberg. (Foto: Thierry Monasse / dpa)
photo_camera Jens Stoltenberg. (Foto: Thierry Monasse / dpa)

O secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, anunciou a terza feira a organización de negociacións entre os membros da alianza militar liderada polos Estados Unidos para elevar os seus compromisos de gasto militar, mes e medio despois de avanzar que o acordo alcanzado en 2014 e ratificado en xuño de 2022 para destinar en 2024 até 2% do produto interior bruto non abonda.

Daquela, xa apuntara que esa porcentaxe tiña que ser unha base, punto no que insistiu de novo aludindo a que “algúns aliados están fortemente a favor de subir o obxectivo de 2% e convertelo nun mínimo”, sen precisar cales.

Ademais, marcou o 11 e 12 de xullo, datas da xuntanza da alianza militar en Lituania, como o intre no que, con seguridade, será asinado este novo pacto.

O aumento do gasto militar dos Estados membros é unha das reivindicacións dos Estados Unidos, que especialmente durante o mandato de Donald Trump entre 2017 e 2021 exixiron aos países da Unión Europea unha maior achega para manter a seguridade que atribúen a presenza permanente do Exército estadounidense.

Récord de gasto en armas

O bloque comunitario xa marcou o seu récord de gasto militar en 2021, segundo os datos consolidados trasladados o mes pasado, con 214.000 millóns de euros.

Ao tempo, as 100 principais empresas armamentísticas aumentaron as vendas por sétimo ano até alcanzar 561.000 millóns de euros.

No que atinxe á guerra en Ucraína, Moscova comunicou que derrubou dous drons sobre Sebastopol, en Crimea, e sinalou que lanzaron un ataque contra un arsenal ucraíno na rexión de Donetsk, destacando os avances no territorio.

Con respecto á relación co Xapón, o viceministro de Exteriores, Andrei Rudenko, indicou que é “imposíbel” a sinatura dun acordo de paz que acabe coas disputas territoriais “cun Estado que adopta posicións abertamente hostís”.

Asemade, acusou o primeiro ministro Fumio Kishida de unirse “á campaña rusofóbica dirixida por Occidente” e ser o responsábel do “desmantelamento completo dos resultados da cooperación mutuamente beneficiosa acumulados durante moitos anos”.

Xa en Polonia, as autoridades solicitaron á Organización das Nacións Unidas que colabore co país para que Alemaña asuma reparacións polos crimes cometidos durante a Segunda Guerra Mundial, un asunto que para Berlín está fechado.

Comentarios