A China acusa os EUA de violar o seu espazo aéreo con globos

Até 10 veces terían pasado polo espazo aéreo de Beijing globos estadounidenses desde 2022, denuncia a China. Ao tempo, tres obxectos non identificados foron derribados polos militares dos Estados Unidos nos últimos días.
Globo detectado nos EUA. (Foto: Europa Press / Contacto / Joe Granita)
photo_camera Globo detectado nos EUA. (Foto: Europa Press / Contacto / Joe Granita)

“Desde o ano pasado, os globos de grande altitude dos Estados Unidos efectuaron máis de 10 voos ilegais no espazo aéreo chinés”, afirmou onte o voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores da China, Wang Wenbin, que subliñou que “tamén é común que os globos estadounidenses entren ilegalmente no espazo aéreo doutros países”.

Estas declaracións chegan no medio das tensións das últimas semanas entre os dous países pola aparición dun globo chinés no espazo aéreo estadounidense, que Washington decidiu derribar o 4 de febreiro sostendo que se trataba dun globo espía. Ao tempo, suspendeu a visita prevista a Beijing do secretario de Estado, Antony Blinken.

Pola súa parte, a China cualificou de esaxeración as medidas tomadas polos estadounidenses explicando que era un globo meteorolóxico que se desviou da súa ruta polas condicións climáticas. “O primeiro que debería facer a parte estadounidense é mirarse a si propio, cambiar as súas formas e non difamar e incitar a confrontación”, reiterou Wang.

Tres aparellos derribados polos EUA

A alerta xurdida a raíz da aparición do globo chinés levou os militares estadounidenses a detectar nos últimos días tres obxectos non identificados que acabaron por derribar, o último na madrugada de onte sobre o lago Huron, no norte do país. A prensa local apenas referiu que o obxecto tiña forma octogonal e voaba a 6.000 metros de altitude. O ataque aos outros dous obxectos produciuse en Alaska e no Yukón, xa no Canadá, após solicitalo as autoridades canadenses.

O xeneral Glen VanHerck, comandante do Comando de Defensa Aeroespacial estadounidense, apuntou que non teñen información que revele nin a orixe nin o cometido destes aparellos, polo que se negou a descartar até que se tratara dun ovni. En todo caso, funcionarios da Administración citados por AP aseveraron que estes aparatos “non eran de gran preocupación para a seguridade nacional”, polo que se “están a suscitar dúbidas sobre se o uso da forza estaba xustificado”.

Guerra en Ucraína

No que atinxe ao conflito bélico en Ucraína, o Servizo de Intelixencia Exterior de Moscova comunicou que descubriu que os Estados Unidos están a recrutar terroristas xihadistas para cometer atentados en territorio ruso, sinalando que en xaneiro foron recrutadas até 60 persoas que estarían sendo adestradas nas bases militares estadounidenses en Siria.

Comentarios