A ONU aproba conmemorar a 'Nakba' e exixe a Israel que acabe coa ocupación

A loita palestina contra a colonización de Israel recibiu onte un novo pulo por parte da ONU, que insta Tel Aviv a acabar co apartheid e coa represión aos palestinos.
O representante palestino perante a ONU, Riyad Mansour, intervén na Asemblea Xeral durante o debate de onte. (Foto: UN Photo/Eskinder Debebe)
photo_camera O representante palestino perante a ONU, Riyad Mansour, intervén na Asemblea Xeral durante o debate da quinta feira. (Foto: UN Photo/Eskinder Debebe)

Dous palestinos faleceron tiroteados na madrugada da quinta feira nunha operación das forzas de seguridade de Israel en Cisxordania (Palestina), cinco foron asasinados, incluídos dous irmáns, a terza feira, dous máis morreron por disparos a semana pasada, e até 168 perderon a vida en 2022 pola represión de Tel Aviv, segundo os datos da Oficina das Nacións Unidas para a coordinación de Asuntos Humanitarios (OCHA), que o Ministerio de Sanidade palestino eleva a máis de 200 persoas.

Este é o ano con máis mortes en Cisxordania desde a Segunda Intifada, que rematou en 2005.

Desde 2008, esta cifra ascende en todo o país a 6.157 palestinas e palestinos asasinados, máis de 20% menores de idade, mentres que as persoas feridas ascenden a máis de 143.000. Por parte de Israel rexistráronse 282 óbitos e pouco menos de 6.000 persoas feridas.

Asemade, máis de 3.000 palestinos foron detidos desde finais de marzo nunha operación permanente que as forzas de seguridade e o Exército desenvolven en Cisxordania para combater o “terrorismo”, sinalan.

Ademais das mortes, o que Amnistía Internacional define como un sistema de apartheid impulsa unha constante colonización das terras e aldeas palestinas, con arredor de 9.000 estruturas destruídas desde 2009, como é o caso dunha escola derrubada o 23 de novembro en Masafer Yatta, obrigando a fuxir máis de 13.000 persoas.

No que atinxe aos colonos israelís, efectuaron este ano case 700 ataques contra persoas, institucións e propiedades palestinas en Cisxordania, apoiados polo Exército de Israel, un número que medra cada ano. Só en 2022 máis de 1.500 oliveiras foron arrincadas nestes ataques, que buscan obrigar os labregos a marchar.

Nestes intres, aproximadamente medio millón de colonos viven co apoio institucional en zonas árabes, especialmente Cisxordania, Xerusalén Leste e os Altos do Golán, pertencentes a Siria. Por medio dos asentamentos, Israel fragmenta os territorios palestinos e aumenta o seu control de recursos chave como as fontes de auga. Até 85% das fontes de auga de Palestina están controladas por Israel, que mantén dous millóns de palestinas e palestinos en situación de inseguridade alimentaria e os outros tres millóns que viven no lugar bloqueados tras muros que os separan dos colonos.

Este e outros crimes -os cambios demográficos en zonas ocupadas está considerado crime de guerra polo Convenio de Xenebra- están sendo investigados desde 2021 pola Corte Penal Internacional.

A ONU reclama a Israel que acabe coa ocupación

A Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas, ONU, resolveu na madrugada da quinta feira aprobar cinco resolucións de apoio á loita palestina que obtiveron entre 90 e 153 votos favorábeis, entre elas a exixencia da fin da ocupación nos Altos do Golán, un recoñecemento dos “dereitos inalienábeis do pobo palestino” e unha condena polo asasinato a mans de Israel da xornalista palestina-estadounidense Shireen Abu Akleh.

Ao tempo, o organismo instou a negociar unha “paz xusta e duradeira” despois de que Israel pare os asentamentos, as confiscacións de terras e demolicións de vivendas, así como libere os prisioneiros e acabe coas detencións arbitrarias.

En última instancia, deu luz verde a conmemorar o 15 de maio de 2023 o 75º aniversario da Nakba (catástrof en árabe), cando foron expulsados máis de 700.000 persoas de Palestina após entrar en vigor a decisión da ONU de outorgar a metade do territorio á poboación xudía, comezando unha guerra na que Israel deu inicio á conquista de territorios palestinos.

A mocidade incorpórase á loita palestina

A represión israelí incrementouse especialmente en Cisxordania neste exercicio a raíz da presenza cada vez maior da mocidade palestina para combater as accións israelís, por mor da situación na que lle obriga a vivir, aumentando os ataques contra obxectivos civís e militares israelís.

A nova formación máis relevante, e por iso a máis perseguida por Israel, é a Gorida do León, afastada das estruturas tradicionais e carente de obxectivos políticos máis aló da loita constante contra a ocupación de Tel Aviv.

Comentarios