Palestina alerta de que o novo Goberno de Israel imposibilita un proceso de paz

Netanyahu dá competencias sobre cidadanía e nacionalización ao partido homófobo e ultradereitista Noam.
Avi Maoz, do Noam, e Benjamin Netanyahu, do Likud. (Foto: Radio 90)
photo_camera Avi Maoz, do Noam, e Benjamin Netanyahu, do Likud. (Foto: Radio 90)

A medida que se van coñecendo novos acordos do primeiro ministro designado de Israel, Benjamin Netanyahu, coas forzas de extrema dereita e ultra ortodoxas coas que busca formar Goberno, tamén se multiplican as reaccións desde a Palestina ocupada. O primeiro ministro palestino, Mohamed Shtayyeh, subliñou na segunda feira que isto provocará unha escalada da violencia dentro dunha situación xa tensa.

"Este terrorismo, ameaza e intimidación non nos asustarán", incidiu tras debullar que "quedaron claros os programas agresivos e coloniais" do novo gabinete, disposto a financiar e apoiar os colonos "a pesar de saber que todos os asentamentos son ilegais e ilexítimos segundo o dereito internacional", informa WAFA.

Pola súa parte, o Ministerio de Exteriores palestino cargou contra Netanyahu, ao que cualifica de "principal responsábel de aplicar políticas racistas e extremistas", o que "ameaza con sabotar calquera oportunidade de revivir o proceso de paz".

Despois de outorgar a seguridade pública á formación de extrema dereita Poder Xudeu, o domingo asinou o acordo de coalición co ultra ortodoxo Noam, que se fai cunha entidade propia no seo da Oficina do Primeiro Ministro —da man de Avi Maoz para "centrarse na identidade xudía nacional". O partido defende que as persoas homosexuais teñen que someterse a unha "terapia" para mudar a súa orientación sexual.

Ademais, medios palestinos denuncian que o Exército de Israel dirixiu onte a demolición de tres casas palestinas, cando tamén lanzou un operativo no que detivo 24 persoas palestinas, incluído un xornalista.

Desde 2004, na segunda Intifada, non se produciran tantas mortes palestinas a raíz da represión israelí. O Ministerio de Sanidade palestino cífraas en 150, sen ter en conta Gaza, gobernado por Hamas. Entrementres, do lado israelí foron rexistrados 31 falecementos.

Comentarios