As candidaturas en Israel a favor de rematar co apartheid carecen de opcións electorais

Esta terza feira decorren as eleccións parlamentarias en Israel, as quintas en catro anos, con opcións de que sexa preciso convocar novos comicios polo empate técnico entre os bloques maioritarios.
O primeiro ministro israelí, Yair Lapid, nunha plataforma de extracción de gas natural no mar Mediterráneo o domingo. (Foto: Kobi Gideon / GPO / dpa)
photo_camera O primeiro ministro israelí, Yair Lapid, nunha plataforma de extracción de gas natural no mar Mediterráneo o domingo. (Foto: Kobi Gideon / GPO / dpa)

6,5 millóns de persoas están chamadas hoxe a elixir a Knesset, o órgano lexislativo de Israel. Porén, son moitas menos das que residen no territorio, por mor da supresión masiva dos dereitos de cidadanía de palestinas e palestinos a mans de Tel Aviv.

As últimas enquisas publicadas antes dos comicios por un conxunto de medios israelís reflicten unha alta posibilidade dun empate técnico, pois os partidos dispostos a alzar Benjamin Netanyahu unha vez máis como primeiro ministro non superarían 60 asentos, a un da maioría absoluta.

Outro tanto acontece coas formacións que impulsaron o Executivo que dirixe Yair Lapid, que incluso contando cos apoios da alianza progresista palestina Hadash-Taal -que non apoia ningún dos dous bloques- non superaría esa cifra.

Así e todo, o conservador Netanyahu podería superar 30% e ver incrementada a representación do seu partido, o conservador Likud, a pesar dos tres xuízos por fraude, abuso de poder e subornos que están en marcha. Porén, para formar Goberno, precisaría das forzas ultraortodoxas e dos partidos de extrema dereita (como Shas, Yisrael Beitenu ou o Partido Relixioso Sionista).

Aínda que finalmente haxa un acordo de Goberno, a inestabilidade case permanente da política israelí, coas quintas eleccións en tres anos e medio e até trece forzas na Knesset, dificulta que estas eleccións conduzan a un gabinete capaz de aguantar os catro anos de lexislatura, algo que non acontece desde 2003.

A outra formación en ascenso segundo os traballos demoscópicos é a liberal Yesh Atid, do actual primeiro ministro en funcións Lapid, que podería alcanzar 24% dos sufraxios, case que duplicando os seus votos de 2021. Lapid, que encabeza o Goberno desde o 1 de xullo tras romperse o acordo que mantiña como primeiro ministro a Naftalí Bennett -do partido Yamina, conservadores mais enfrontados a Netanyahu- lanzou nestes meses unha ofensiva militar contra Gaza e Cisxordania, en Palestina, e asinou un acordo sobre as fronteiras marítimas no Líbano para desbloquear a explotación de gas natural e petróleo.

A agresión militar respondería a un intento de impulsar a súa candidatura, recoñeceu a 
prensa local.

Con todo, e a pesar da caída en intención de voto de Yamina -xa sen Bennett como candidato-, a suba prevista pola coalición Unidade Nacional podería darlle algunha oportunidade de manterse no posto.

No campo das formacións israelís abertas a un proceso de paz (Partido Laborista) ou a solución dos dous Estados (Meretz), ficarían no 5% cada unha.

Candidaturas palestinas

Malia os bos resultados da Lista Conxunta cando reunía até cinco agrupacións pro palestinas -agás unha, o resto progresistas- o que lles permitiu obter até 15 representantes nas eleccións de 2020 após converterse en terceira forza en 2015, a saída da conservadora Lista Unida Árabe en 2021 fíxolles perder conxuntamente un terzo dos escanos.

Agora, é o partido panarabista Balad o que optou por presentarse en solitario. Esta división e as a continuidade das agresións sobre Palestina provocarán, segundo medios árabes, unha caída na participación dos palestinos con dereito a voto; deste 20% do censo apenas 40% declarou que irá ás urnas.

A privación de voto da poboación palestina

A privación do voto forma parte do “cruel sistema de opresión e dominación” que impón Israel, denuncia Amnistía Internacional.

Este sistema equivale ao apartheid e constitúe un crime de lesa humanidade contra a poboación palestina, que padece “confiscacións masivas de terras e propiedades, homicidios ilexítimos, traslados forzosos, restricións á cidadanía ou negación da nacionalidade”, conclúe a entidade.

Comentarios