Israel afirma agora que puido asasinar "por erro" a xornalista palestina Shireen Abu Akleh

A versión do exército israelí segue a ser oposta á dada polas testemuñas do asasinato.
Mural en homenaxe da xornalista Shireen Abu Akleh. (Foto: Europa Press)
photo_camera Mural en homenaxe da xornalista Shireen Abu Akleh. (Foto: Europa Press)

O exército de Israel afirmou no día de onte que un dos seus soldados puido asasinar “por erro” a xornalista palestina de Al Jazeera Shireen Abu Akleh, morta o pasado 11 de maio en Cisxordania despois de recibir un disparo na faciana.

En concreto, as autoridades militares israelís sinalan que os datos achegados durante a súa investigación mostran que “hai unha alta posibilidade” de que a xornalista, que ía debidamente identificada cun casco e un chaleco de prensa, “fose alcanzada accidentalmente por disparos do Exército a sospeitosos identificados como pistoleiros palestinos armados”.

Segundo a versión israelí, a morte de Abu Akleh, que tivo lugar na cidade de Yenín, non foi premeditada, senón que ocorreu de maneira accidental, froito dunha “disputa” entre soldados do Estado de Israel e “milicianos” palestinos.

Porén, esta versión é totalmente oposta á dada por Palestina e os xornalistas que na mañá daquel 11 de maio acompañaban a correspondente de Al Jazeera en Cisxordania. Nas súas declaracións, recollidas pola Oficina da ONU para os Dereitos Humanos, no momento do asasinato só os militares israelís estaban a disparar. Ademais, explican que non se trataba dun combate entre Israel e Palestina, senón que era unha operación do exército contra a poboación de Yenín.

Sen investigación criminal

Pese a que o seu exército está directamente implicado na morte da xornalista palestina, Israel confirmou que non abrirá ningunha investigación criminal, xa que mantén que os seus soldados actuaron correctamente e non podían distinguir os correspondentes que estaban alí presentes.

O pasado mes de xuño, Nacións Unidas xa adiantara nun informe que,  tras analizar "todas as informacións recompiladas" por investigadores independentes, as evidencias confirmaban que Israel foi quen asasinou a xornalista.

Para elaborar o informe, os investigadores recolleron as versións de integrantes das forzas armadas israelís e da Fiscalía Xeral de Palestina. Segundo os testemuños de ambas partes, non existía actividade armada por parte de grupos palestinos no momento do asasinato.

Pola súa parte, Estados Unidos tamén confirmou que Israel é o autor “máis probábel” do asasinato da correspondente, xa que a bala que acabou coa súa vida, construída nos EUA, pertencía aos lotes de armamento que o exército israelí merca en solo estadounidense.

Comentarios