Desvelan os masacres cometidos por Israel contra os palestinos en 1948

O Goberno de Ben-Gurion ocultou a violencia contra as e os civís palestinos na creación do Estado de Israel, evitando que se investigaran os masacres.
David Ben-Gurión. (Foto: Colección Nacional de Fotografía de Israel)
photo_camera David Ben-Gurión. (Foto: Colección Nacional de Fotografía de Israel)

“As actas rexistradas durante as reunións do gabinete en 1948 non deixan lugar a dúbidas, os líderes de Israel sabían en tempo real sobre os sanguentos eventos que acompañaron a conquista das aldeas árabes”, subliña o xornal Haaretz, que xunta o Instituto Akevot analizou documentos oficiais que foron desclasificados hai pouco.

Cartas de soldados, actas de reunións políticas e rexistros variados permitiron ao xornal revelar o modus operandi das Forzas Armadas de Israel durante a Nakba (catástrofe) palestina unha vez creado o Estado sionista, en 1948.

Os militares dirixiron masacres en aldeas palestinas como Reineh, Meron e Al Burj, agora teoricamente integradas no territorio israelí, co gallo de exterminar os palestinos que residían na zona e consolidar a súa ocupación sobre o territorio.

Ademais, provocaron o desprazamento de milleiros de persoas que non participaron de ningún modo no conflito, relata a publicación, “os masacres tiveron coma obxectivo a palestinos indefensos, anciáns, mulleres e crianzas”, salienta. Até o 80% da poboación palestina tivo que fuxir perante a creación de Israel.

Violencia de grupos paramilitares

A conquista da rexión de Galilea, no norte de Palestina, efectuouse por medio da destrución de ducias de aldeas e da violencia contra a poboación civil apoiada por grupos paramilitares.

En xullo de 1948 14 persoas foron asasinadas na aldea de Al Rina. O mesmo aconteceu na aldea de Al Burj. Sobre as súas ruínas Israel decidiu construír a colonia de Modi’in para cidadáns hebreos.

Na localidade de Hula foi o grupo paramilitar Irgun o que executou 35 persoas. Ás e aos asasinados, entre os que se inclúen persoas maiores e cativos, fixéronlles cavar a súa propia tumba antes de rematalos.

O Irgun estaba liderado por Benajem Beguin, que con posterioridade se convertería en primeiro ministro de Israel.

Ocultación gobernamental

Esta metodoloxía estivo avalada directamente polo Executivo que lideraba en 1948 David Ben-Gurion. As actas das xuntanzas do gabinete indican que ministros como Haim Moshe Shapira e Aharon Zisling censuraron o comportamento dos militares e onda outros funcionarios exixiron unha investigación do acontecido.

Con todo, isto foi evitado polo primeiro ministro Ben-Gurion, que se amosou evasivo diante das acusacións.

Comentarios