Israel detén no seu domicilio o gobernador palestino de Xerusalén

Aliás, as autoridades israelís desaloxaron un centro deportivo social no que acampaban varias crianzas.
Axentes israelís patrullan as rúas de Xerusalen. (Foto: Europa Press)
photo_camera Axentes israelís patrullan as rúas de Xerusalen. (Foto: Europa Press)

A policía de Israel accedeu esta segunda feira ao domicilio do gobernador palestino en Xerusalén, Adnan Ghaith, no barrio de Silwan para levalo preso, sen que nestes momentos se coñeza o motivo da detención, a número 17 desde que Gaith asumiu o cargo en 2018.

Segundo detallou a axencia de noticias palestina WAFA, integrantes dos corpos e forzas de seguridade do Estado de Israel rexistraron e "saquearon" a vivenda do gobernador nomeado pola Autoridade Palestina, antes de levalo con eles.

Non é a única redada levada a cabo polas autoridades israelís no día de hoxe. A policía accedeu na mañá desta segunda feira ao local do Club Al Hilal de Xerusalén Este, para rexistrar e interrogar os traballadores e crianzas que se atopaban de campamento nos terreos deste colectivo deportivo e social.

Despois de levar a cabo estes rexistros, os axentes procederon a expulsar estas crianzas sen que existise motivo aparente para facelo.

Retención de fondos

Por outra parte, a Autoridade Palestina denunciou o "roubo" realizado por Israel ao reter fondos por valor de 170 millóns de euros, procedentes dos impostos que Israel recada en territorio palestino é que transfire despois ao órgano de goberno do territorio ocupado de Cisxordania.

Israel xustificou esta retención de fondos polo envío de recursos a presos palestinos e familias refuxiadas, e na capacidade que lle outorga unha lei aprobada en 2018 e que xa foi empregada en varias ocasións.

Pola súa parte, o portavoz da Presidencia da Autoridade Palestina, Nabil abu Rudeina, denunciou que a decisión do Estado israelí "é contraria ao Dereito Internacional", polo que solicitou á comunidade internacional que "inste a Israel" para que acabe con esta práctica.

Aliás, abu Rudeina asegurou que "o Goberno de Israel debe revisar as súas posicións e decisións para evitar que a situación chegue a un punto perigoso".

Comentarios