Mohamed Safa: "Israel quere baleirar de poboación palestina Xerusalén"

Mohamed Safa viviu a ocupación israelita sobre Palestina desde 1967 até que saíu da súa terra, en 1976. O escritor e activista vive actualmente en Cee, onde exerce como oftalmólogo. Nós Diario conversa con Safa sobre a situación en Palestina, cuestión que analizará este 10 de maio (20 horas) en Santiago nunha palestra na Fundación Araguaney organizada pola Fundación Galiza Sempre.
Mohamed Safa naceu e viviu en Cisxordania até 1976. (Foto: Galiza por Palestina)
photo_camera Mohamed Safa naceu e viviu en Cisxordania até 1976. (Foto: Galiza por Palestina)

—Este domingo produciuse a morte dun novo cidadán palestino desarmado en Cisxordania tiroteado polas forzas israelitas. Como é posíbel que isto aconteza con tanta frecuencia? 

Estas novas son a vida cotiá da poboación palestina, hai un asasinato hoxe, mañá unha detención, ao día seguinte unha confiscación dun territorio. É un proxecto de colonialismo de asentamento por parte do Estado de Israel. Como di Patrick Wolfe, a esencia deste colonialismo é a limpeza étnica, e Israel vai por este camiño, fíxoo en 1948 coa creación do Estado israelita, que significou a creación dun Estado e a destrución dun pobo, e agora segue o proceso nos territorios ocupados en 1967, que son Cisxordania e a faixa de Gaza.

Esta é a política de Israel para facer que a vida sexa un inferno para a poboación palestina. Ao final, se non nos matan, a cidadanía palestina séntese asfixiada e tense que levar as súas maletas e abandonar o territorio palestino, xusto o que busca Israel, un territorio palestino sen cidadanía palestina.

—Vostede viviu en Cisxordania na súa época moza. Como lembra aqueles anos da súa vida baixo a ocupación israelita?

A ocupación israelita de Cisxordania comezou en 1967 cando eu apenas tiña 10 anos. Durante este tempo até que saín en 1976 do territorio palestino, a miña foi a vida dun cidadán que tan só vía os tanques circulando polas rúas rodeando as nosas casas e intimidando a poboación palestina. 

Viviamos nun toque de recoller permanente e observabamos como eran destruídas moitas casas pola simple sospeita de que determinada familia puidese colaborar coa resistencia palestina. Este é o método dunha forza de ocupación, a humillación, a opresión e o medo inducido de forma constante sobre as persoas palestinas. A do meu pobo é unha historia de loita e de resistencia, son 75 anos e séguese mantendo a vontade de conquistar a liberdade. Eu sempre dixen que nós non queremos crear un imperio, mais sen dúbida temos que conquistar a nosa liberdade.

—Nas últimas semanas estase vivindo unha escalada da tensión en Xerusalén. Que está a pasar  nesta cidade actualmente?

O colonialismo de asentamento non é un acontecemento, é un proceso que acontece desde hai anos, non hai unha cidadanía palestina máis privilexiada e outra menos para a elite israelita, os seus ataques focalízanse nunha zona ou noutra en función das prioridades do seu proxecto.

Agora mesmo o proxecto israelita céntrase na cidade de Xerusalén, queren israelizar o territorio palestino, e para iso precisan baleirar un núcleo de Palestina no centro de Xerusalén, porque así cercan a esta poboación coas colonias. Como a poboación palestina de Xerusalén está resistindo, Israel centra os seu esforzos en intentar evacuar esta cidadanía.

O mesmo está a pasar, aínda que non coa mesma mediatización, nunha localidade no sur de Xinin (norte de Cisxordania) onde viven 1.000 persoas palestinas. Ordenaron a súa evacuación porque consideran que esta zona residencial palestina é unha zona militar de tiro para o Exército israelita. 

—Existe a posibilidade que de haxa unha solución pacífica?

O proceso de paz que comezou en 1993 está morto, é só un espellismo. Levamos 29 anos e non hai ningunha perspectiva positiva. A dereita israelita que se instaurou no Goberno chegou cun programa contra o proceso de paz. A fin dunha colonización é unha descolonización, e non creo que as negociacións poidan conseguir algo, ao contrario, a segunda Nakba (catástrofe) palestina é o proceso de paz, xa que o Goberno israelita aproveitouno para culminar o seu proxecto. O único que me fai ser optimista é o convencemento de que defendo unha causa xusta.

A solidariedade galega coa causa palestina

Cando acode a un acto das forzas políticas e sociais da Galiza que están a favor da causa palestina, Mohamed Safa di sentirse "como un galego nun evento de persoas palestinas, e non ao revés". Safa afirma que nota "a solidariedade, simpatía e comprensión que amosan con nós as persoas galegas polo que está pasando Palestina" desde o primeiro día no que chegou ao noso país. "Esa mostra de solidariedade é incesante", prosegue. "As persoas galegas non só nos apoian senón que nos comprenden, porque pertencen a un pobo emigrante e saben o que é o drama dunha ocupación", explica o activista palestino. "Os pobos non poden dirixir a súa mirada cara á outro lado sobre a traxedia doutro", sinala. Gran parte de comunidade internacional "está actuando cunha gran dose de indiferenza que non nos mata, mais elimina o factor e a sensibilidade humana", denuncia Safa.

Comentarios