Israel expulsará 1.300 palestinos dos seus fogares para converter o lugar nunha zona de adestramento do Exército

A Xustiza de Israel desouve os argumentos da poboación palestina e non cre que fosen "residentes permanentes" desde antes de comezos da década de 1980, cando o Exército decretou o territorio de Masafer Yatta, en Cisxordania, "zona de adestramento".
Acción de protesta en Masafer Yatta (Cisxordania) contra os asentamentos israelíes. (Foto: Ihab Alami / APA Images)
photo_camera Acción de protesta en Masafer Yatta (Cisxordania) contra os asentamentos israelíes. (Foto: Ihab Alami / APA Images)

O pasado mes de maio o Tribunal Superior de Xustiza de Israel deu o visto bo á expulsión de 1.300 cidadáns e cidadás palestinos e a destrución dos seus fogares na comunidade de Masafer Yatta (Cisxordania), após considerar que a área é "unha zona de adestramento" do Exército israelí.

Deste modo, os xuíces desouviron o argumento esgrimido polas persoas residentes, que as súas familias habitaban o lugar, que comprende unha extensión de 3.500 hectáreas, desde moito antes de que o Exército de Israel o decretase "zona de adestramento" a comezos dos anos 80.

Segundo o tribunal, a cidadanía palestina non lograra demostrar, en dúas décadas de litixio, que eran residentes permanentes deste territorio antes da chegada das tropas israelíes.

Tampouco quedou demostrado, sempre segundo esta sentenza cuestionada por ONGs de todo o mundo, que se trate dun "desprazamento forzoso" da poboación, malia que todo apunta a que si o será. En concreto, o maior desde 1967, ao desprezar até 1.300 persoas.

A coordinadora humanitaria da ONU en territorio palestino ocupado, Lynn Hastings, alertou en declaracións recollidas por France 24 que "calquera desaloxo que resulte nun desprazamento podería constituír un traslado forzoso, en contra das resolucións do Consello de Seguridade de Nacións Unidas e do dereito internacional".

Xa neste mes de xuño, nos últimos días, o Exército comezou a ofensiva contra unha comunidade, a de Masafer Yatta, que se nega a abandonar os seus fogares.

A ONU culpa Israel da inestabilidade e tensións na rexión

Esta mesma semana, por outra parte, a ONU presentou un informe no que conclúe que a ocupación exercida por Israel sobre os territorios palestinos e a discriminación da poboación son as "principais causas" da inestabilidade e as tensións permanentes nesta rexión.

Así, apunta precisamente aos desprazamentos forzosos, as demolicións, a violencia exercida polos colonos israelíes, o bloqueo de Gaza e a "cultura da impunidade" ante todas estas cuestións como chave para entender a persistencia no tempo, mesmo agravamento nos últimos meses, deste conflito.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios