Denuncian que o ataque contra Palestina foi unha táctica de Lapid para gañar votos

Tres palestinos faleceron onte tras lanzar un mísil o Exército israelí contra unha casa.
Enterro no campo de refuxiados de Jabalia dunha crianza palestina asasinada polos bombardeos de Israel a pasada fin de semana. (Foto:  Mohammed Talatene / dpa)
photo_camera Enterro no campo de refuxiados de Jabalia dunha crianza palestina asasinada polos bombardeos de Israel a pasada fin de semana. (Foto: Mohammed Talatene / dpa)

O final da campaña militar israelí en contra de Gaza (Palestina) o domingo, tras comprometerse a liberar dous líderes da Yihad Islámica Palestina, non supuxo un freo aos ataques de Tel Aviv.

Tres palestinos faleceron onte tras lanzar un mísil o Exército israelí contra unha casa de Naplusa, en Cisxordania, após asaltar a zona vella da cidade. A xustificación foi intentar deter un membro do brazo armado de Al Fatah, os Mártires de Al Aqsa, que morreu no ataque, amais de dous palestinos de 16 anos, informou a axencia palestina Wafa. Amais, a Media Lúa Vermella sinalou que 40 persoas ficaron feridas, 5 delas en estado crítico.

Ao tempo, lanzaron redadas en Tulkarm e Belén, detendo unha vintena de cidadáns palestinos. Precisamente, ao sul de Belén, un grupo de colonos israelís asaltaron a localidade de Al-Khader, arrincando arredor de 150 oliveiras, amais de destruír o resto de cultivos da poboación palestina, revelou o alcalde, Ibrahim Musa.

Aínda que estas actuacións chegan após as críticas ao Goberno por pactar a liberación de líderes da Yihad Islámica, non son novas, durante a agresión da fin de semana con bombardeos que provocaron a morte de 44 palestinos, 15 deles crianzas, colonos israelís escoltados pola policía ocupante entraron entre insultos na mesquita de Al Aqsa, en Xerusalén, e que constitúe o terceiro lugar máis sagrado para os musulmáns. Alí, comezaron a rezar para provocar a poboación palestina. Desde a vitoria de Saladino nas cruzadas contra os cristiáns no século XII, a norma é que todas as persoas poden entrar no recinto, mais só ás persoas musulmáns se lles permite orar.

Votos e mortos

Pouco despois da tregua en Gaza, os deputados árabes no Parlamento israelí asinaron un comunicado no que acusaban a sociedade de Israel de "perder a súa humanidade", ao avalar unha operación militar que o Exército recoñeceu como preventiva, e que explican porque "as últimas enquisas molestaron a Yair Lapid [o primeiro ministro] e a Benny Gantz [ministro de Defensa]", polo que "intentan manterse no poder á custa do sangue palestino".

Non obstante, esta relación está asumida e é defendida nos medios israelís. "Coas eleccións que se aveciñan, a aposta de Lapid en Gaza parece que deu os seus froitos", titula The Times of Israel, que asegura que "Lapid está nunha posición moito máis forte que antes porque a principal reclamación contra el é que non ten a suficiente experiencia" no ámbito da "seguridade".

Pola súa parte, Haaretz destaca que tras os ataques en Gaza as enquisas ofrecen posibilidades reais de manterse no posto para Lapid, subliñando a baixada de apoios da coalición opositora que encabeza Benjamin Netanyahu, que non obtería maioría despois de utilizar a incapacidade de Lapid e do seu predecesor de garantir a seguridade de Israel como o principal argumento contra o Executivo actual desde que perdeu o poder.

Israel organiza o 1 de novembro as quintas eleccións lexislativas en menos de catro anos. A caída a finais de xuño dun Goberno que apenas durou un ano levou a Lapid a substituír a Naftali Bennet como primeiro ministro provisional até os comicios, mais até o de agora as sondaxes non prevían bos resultados para el.

Crear miseria en Gaza, a estratexia política de Tel Aviv

O bloqueo por terra, mar, e aire de Gaza que aplica Israel  deféndese en Tel Aviv como unha medida para evitar que Hamas faga un mal uso do comercio, The Times of Israel sostén que, "causar miseria aos 2 millóns de persoas que viven alí esencialmente encarceradas para obrigalas a derrocar Hamas" (que goberna en Gaza), "parecía un bo plan".

Con todo, non mencionan que a "axuda de Israel a Hamas foi un intento claro de dividir e diluír o apoio a unha Organización para a Liberación de Palestina (OLP) laica, ao oporlle unha alternativa relixiosa", incidiu o xornalista Richard Sale tras analizar documentos oficiais israelís, extremo que chegaron a recoñecer funcionarios dos Estados Unidos. "Amais de cartos, Israel deulle máis de 700 institucións entre colexios, universidades e mesquitas", denunciara o líder naquela altura da OLP, Yasser Arafat.

Comentarios