A ONU conclúe que Israel viola o dereito internacional en Palestina

A Comisión da ONU que investiga os delitos cometidos por Israel reclama que o caso sexa xulgado na Corte Internacional de Xustiza.
Muro en Ramala (Palestina). (Foto: Shabtai Gold / IRIN)
photo_camera Muro en Ramala (Palestina). (Foto: Shabtai Gold / IRIN)

As leis humanitarias internacionais estabelecen que a ocupación dun territorio en tempos de guerra é unha situación temporal, porén, as políticas de anexión postas en marcha por Israel, que busca perpetuar a colonización de Palestina -incluída a capital, Xerusalén Oriental-, converte esta ocupación en ilegal en base ao dereito internacional, resolveu a Comisión Internacional de Investigación da Organización das Nacións Unidas (ONU), que emitiu o seu primeiro informe na madrugada da quinta á sexta feira.

As políticas israelís inclúen “elementos” que implican crimes de guerra, como a transferencia permanente de poboación xudía aos territorios ocupados, polo que a ONU debería remitir o caso á Corte Internacional de Xustiza, reclamou Chris Sidote, un dos integrantes da Comisión.

O informe debulla a expropiación de terras e recursos naturais palestinos, acompañados de políticas de zonificación para introducir os colonos israelís no territorio. En 2022, máis de 400 propiedades palestinas foron atacadas por eles, que actúan protexidos polo Exército israelí. Malia que nun comezo arguméntanse fins militares para estas confiscacións, acaban por converterse en asentamentos.

Estas actuacións teñen un impacto directo nas condicións de vida das palestinas e palestinos, como a limitación no acceso a auga potábel. Ao tempo, o documento fai énfase nos “actos de violencia contra mulleres palestinas”.

Todo isto forma parte dunha estratexia "discriminatoria e restritiva" planificada e executada por Israel.

A presidenta da Comisión, Navi Pillay, incidiu en que calquera anexión unilateral do territorio dun Estado por parte doutro é unha violación do dereito internacional, lembrando que Israel votou xunta 142 Estados en contra da anexión rusa de catro territorios ucraínos a semana pasada na ONU.    

A resposta das autoridades israelís -que se negaron a cooperar coa investigación e dificultaron o acceso ao terreo aos membros da Comisión- chegou da man do primeiro ministro Yair Lapid, que asegurou que o informe “foi escrito por antisemitas”.

Asemade, cualificouno como “parcial, falso e flagrantemente subxectivo”. As conclusións da institución están avaladas por outros traballos de entidades como Amnistía Internacional, que documentaron traslados forzosos, detencións ilegais, torturas, homicidios ilexítimos e negación de dereitos e liberdades contra a poboación palestina.

Comentarios