Amnistía Internacional denuncia desde Compostela o apartheid en Palestina

Un informe da entidade define Tel Aviv como Estado segregado por relixión, e reclama que a comunidade internacional tome medidas para evitar que a poboación palestina continúe a sufrir este crime de lesa humanidade.
Carlos de las Heras (dereita) na presentación do informe, onte. (Foto: Amnistía Internacional)
photo_camera Carlos de las Heras (dereita) na presentación do informe, onte. (Foto: Amnistía Internacional)

“Queremos que se lle chame ás cousas como son, como en Suráfrica, o que acontece en Israel é apartheid, e así hai que chamarlle”, incide Carlos de las Heras, responsábel de países do Departamento de campañas e investigación de Amnistía Internacional (AI) no Estado español, en declaracións onte a Nós Diario.

De las Heras presentou en Compostela o informe da entidade O apartheid israelí contra a poboación palestina: cruel sistema de dominación e crime de lesa humanidade, no que analizan a arquitectura do sistema de segregación posto en marcha por Tel Aviv desde a fundación de Israel para favorecer e garantir o control por parte da poboación de relixión xudía.

Baixo esta xustificación, continúa a cometer confiscacións masivas de terras e propiedades palestinas, homicidios ilexítimos, traslados forzosos, restricións á circulación ou negación de nacionalidade e a cidadanía á poboación palestina, que denunciaron entidades como AI, Human Rights Watch ou a Organización das Nacións Unidas (ONU), e que constitúen elementos dun sistema que segundo o dereito internacional define o apartheid, un crime de lesa humanidade.

A raíz deste traballo, AI impulsou unha campaña para que a comunidade internacional recoñeza publicamente que Israel comete estes crimes e inste Tel Aviv a desmantelar o sistema, reclamando á Unión Europea que non apoien este réxime e revise as súas relacións bilaterais.

Asemade, solicita que fagan un chamamento ao Consello de Seguridade da ONU para que sancione Israel e apoien a Corte Penal Internacional para xulgar e deter eses crimes.

“A UE e os Estados membros deben facer máis”, resolve de las Heras, que lembra como Francia ou o Estado español manteñen a venda de armas a Israel. Ao tempo, cuestiona que non se apliquen os mesmos criterios que noutras latitudes, poñendo o foco en que a guerra de Ucraína demostrou que se poden impor sancións coordinadas e abrir as portas ás persoas refuxiadas. Comparándoo co trato das e dos palestinos que escapan do apartheid, a resposta da UE “deixa moito que desexar”, indica.

O investigador resolve que “os dereitos económicos non poden ir por diante dos dereitos humanos”, asegurando que tanto o papel de Israel como comprador e vendedor de armamento e tecnoloxía, así como os intereses xeoestratéxicos occidentais, que teñen Tel Aviv como o seu principal aliado en Asia Occidental, son os factores principais que provocan que Israel aínda non tivera que pagar polos crimes de lesa humanidade que está a cometer.


 

 

Comentarios