Palestina

Fayez Elemare: "O pobo palestino seguirá firme na defensa da terra"

Fayez Elemare vive no campo de refuxiados de Jabalia, na Franxa de Gaza, e estivo na Galiza representando a Unión Independente de Comités Obreiros Palestinos no Congreso da Central Unitaria de Traballadoras. 'Nós Diario' conversa con el para coñecer de primeira man como se desenvolve a loita contra o apartheid israelí.
Fayez Elemare estivo esta semana na Galiza. (Foto: Xabicas)
photo_camera Fayez Elemare estivo esta semana na Galiza. (Foto: Xabicas)

—Cal é a situación actual na Franxa de Gaza?
A cuestión é que coa guerra de Ucraína a situación en Palestina empeorou moito máis do habitual con respecto aos anos anteriores, sobre todo no que atinxe aos refuxiados nos campamentos, así como a nivel alimenticio ou eléctrico e enerxético, as principais necesidades encarecéronse un 50%.

Despois de que se intensificara o conflito  aumentaron moito os reforzos militares nas fronteiras, os controis e a detención de materiais de toda clase para exercer calquera oficio, como pesca ou agricultura. Unha das cuestións máis complicadas é esa, porque ao non ter materiais e non ter medios de traballo é máis complicado ter un emprego normal. Amais, están prohibindo aos palestinos o acceso a fábricas e a todos os lugares onde se desenvolven actividades laborais.

Hai que ter en conta o incremento do racismo cos musulmáns e palestinos, que están sufrindo cada vez máis abusos, un punto bastante relevante é o intento nos últimos días de despexar os habitantes da rúa de Sheikh Jarrah (Xerusalén), estanos sacando dos seus fogares para darllos a israelís.

O que máis empeorou, o que máis preocupa ao pobo palestino, é o aumento dos prezos dos produtos de primeira necesidade, a pobreza medrou 80% e están sufrindo moitos abusos  os pescadores por exemplo, asasinados cando saen ao mar, o que provoca máis complicacións a nivel alimentario. Tamén subiron un 50% as ocupacións de terra por parte de Israel.

Isto sen ter en conta que o máximo que ten de electricidade o pobo palestino en Gaza son 6 horas ao días, durante 18 horas o pobo palestino está a escuras, sen ningún medio para producir electricidade.

—Como enfrontan as e os palestinos estas condicións?
O pobo palestino é un pobo forte, que non se desprende das súas terras, esta adaptándose á situación, loitando e superando unha nova crise despois de 70 anos superando crises, o pobo palestino síntese ocupado na súa casa, na súa terra, e pasa por dificultades, pero seguirá firme  agardando a axuda e máximo apoio do resto dos pobos.

Palestina superou a pandemia con forza, sen medicamentos, sen material de auxilio, temos bastantes problemas a nivel sanitario e educativo, e pedimos axuda ao mundo para os colexios e hospitais, son cousas de primeira necesidade e que sofren grandes dificultades.

No eido comercial, hai poucos  negocios que se sosteñan polas dificultades de acceder a material e produtos para comerciar, o pobo palestino é un pobo traballador que quere quedarse na súa terra, e a pesar das trabas o que máis solicitamos ao mundo é axuda para desenvolvernos no ámbito laboral e saír adiante a pesar de todo.

—Que obxectivos persegue o sindicalismo palestino nesta fase de loita?
O obxectivo principal a nivel laboral co traballador palestino é que coñeza os seus dereitos e a situación real, sendo optimistas cara a un futuro no que poidan gozar eses avances. Axudamos ás pequenas empresas no seu crecemento, e, no meu caso, estou implicado no combate contra o confinamento que Israel impón en Gaza, desenvolvendo movementos e folgas que axudan a mocidade a non sentirse tan fechada e oprimida.

—Canto tardou en chegar á Galiza desde a Franxa?
Unha viaxe normal desde Gaza até Galiza serían entre 10 e 12 horas. A min levoume unhas 60 horas, dous días e medio, poder superar os controis e o confinamento que nos teñen imposto.

Israel continúa matando xornalistas

A mediados de maio foi asasinada a xornalista de Al Jazeera Shireen Abu Aqla, atacada por efectivos do Exército israelí, sosteñen investigacións independentes. As imaxes do seu funeral, coa Policía sionista batendo nas persoas que portaban o féretro, produciu a reprobación internacional máis forte recibida por Israel nos últimos tempos.

Menos de dúas semanas despois, Ghofran Warasnah, outra xornalista, faleceu a mans dos militares, era o seu primeiro día de traballo nunha emisora de radio local.

Recoñecendo a importancia do traballo das dúas xornalistas abatidas, Fayez Elemare destacou a dificultade e afouteza dos profesionais que informan desde os territorios ocupados. Ao tempo, reclama apoio internacional para Palestina para superar o "abandono" por parte da comunidade internacional.

Comentarios