O naufraxio de migrantes no mar Xónico será investigado na UE

A Valedoría do Pobo avaliará a actuación de Frontex nun afundimento no que morreron máis de 550 persoas migrantes.
Persoas rescatadas no naufraxio do mar Xónico. (Foto: Aegean Boat Report)
photo_camera Persoas rescatadas no naufraxio do mar Xónico. (Foto: Aegean Boat Report)

“Mentres que o papel das autoridades gregas é obxecto dunha investigación a nivel nacional, tamén se debe aclarar o papel da Axencia Europea da Garda de Fronteiras e Costas (Frontex) nas operacións de pescuda e salvamento”, sostivo a cuarta feira Emily O’Reilly, que dirixe a Defensoría do Pobo na Unión Europea (UE), ao anunciar a apertura dunha investigación para avaliar a actuación do organismo no naufraxio en xuño dun barco ateigado de migrantes fronte á costa de Grecia, no que terían morto máis de 550 persoas.

“Unha traxedia desta magnitude require que todos os implicados reflexionen sobre as súas responsabilidades e deixen claro á poboación quen é responsábel desas mortes”, recalcou antes de facer fincapé en que “a migración cara a Europa continuará”, polo que responsabilizou a UE de garantir que “se manteñan os dereitos fundamentais e non se perda de vista o sufrimento humano que obriga as persoas a buscar unha vida mellor máis aló dos seus países de orixe”.

O’Reilly solicitou información a Frontex sobre o intercambio de mensaxes cos gardacostas gregos, e detallou que Frontex asegurou que “alertou as autoridades gregas da presenza do barco e ofreceu axuda, mais o que non está claro é o que podería ou debería ter feito”, en alusión a unha xurisdición e autoridade “pouco clara” fronte aos Estados “cando se trata de atender as necesidades de quen está en perigo no mar”, explica AP.

Tanto Grecia como Frontex foron obxecto de múltiples denuncias por violar os dereitos humanos das persoas migrantes con expulsións ilegais e até o abandono de migrantes no medio do mar Mediterráneo tras inutilizar as súas embarcacións para que foran rescatados por Turquía.

Atenas reitera que tras o aviso de Frontex enviou un barco á contorna do buque naufragado, que se tería negado a aceptar asistencia para seguir navegando en dirección a Italia. Porén, testemuños dos superviventes cuestionan a veracidade da versión oficial, apuntando que a embarcación xa estaba parada cando chegaron os gardacostas gregos, e que o afundimento se produciu cando trataban de remolcar o buque até augas italianas.

Aínda así, todas as investigacións nos últimos anos en Grecia por violacións aos dereitos humanos dos seus axentes de fronteira acabaron exculpando estes últimos.

Pescudas sobre as actividades da Comisión Europea

Ao tempo, O’Reilly adiantou que no outono abrirán unha nova investigación sobre o papel das institucións da UE á hora de garantir os dereitos humanos das persoas migrantes no control de fronteiras, apuntando especificamente á xestión do Executivo da Unión Europea.

Comentarios