Os Estados con máis ingresos apostan polos muros para frearen as migracións

Estados Unidos, a Unión Europea e Israel xa construíron valados.
Un migrante observa o muro na fronteira entre Estados Unidos e México, que comezou a construírse no Goberno de Bill Clinton. (Foto: David Peinado / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Un migrante observa o muro na fronteira entre Estados Unidos e México, que comezou a construírse no Goberno de Bill Clinton. (Foto: David Peinado / Zuma Press / Contactophoto)

Periodicamente, os conflitos armados (Ucraína, Siria ou Afganistán) ou fenómenos meteorolóxicos como a seca (África Oriental está a padecer a peor en catro décadas), volven pór en primeiro plano as migracións masivas fuxindo das crises ou na procura dunha vida mellor.

Non obstante, a meirande parte dos países con máis ingresos do planeta tamén avanzan no desenvolvemento de barreiras físicas e outras medidas para impedir como sexa necesario a entrada dos migrantes que non queren.

As consecuencias podemos observalas en acontecementos como o intento de cruzar o valado de Melilla hai poucos días, que provocou a morte de 23 persoas segundo Marrocos —37 segundo as organizacións en defensa dos dereitos humanos que operan no país— tratando de chegar á Unión Europea. Estas entidades apuntan cara á represión exercida polo Reino alauí contra os campamentos de migrantes, após chegar a un acordo co Estado español, como o motivo principal que levou milleiros de persoas en condicións desesperadas a lanzarse cara á fronteira.

Pouco despois, 53 persoas procedentes de México falecían afogadas nun tráiler que xa se atopaba no territorio dos Estados Unidos.

Economías desiguais

No último informe do Programa de Comparación Internacional sobre o repartimento do produto interior bruto (PIB) baseado na paridade do poder adquisitivo (PPA), considerada a medida máis axeitada para contabilizar a capacidade económica dos Estados, revelouse que nas economías de ingresos máis altos, onde reside 17% da poboación mundial, acumúlase o 49% do PIB (PPA). Pola contra, as economías de ingresos medios e baixos concentran 51% dos ingresos, mais entre 83% dos habitantes do planeta.

Muros fortificados para evitar a entrada

Nos Estados Unidos, a proposta na campaña do ex presidente Donald Trump (2017-2021) de erguer un muro con México deu notoriedade á barreira, con todo, foi no primeiro ano da etapa de Bill Clinton (1993-2001) cando comezou unha construción que abarca un terzo dos 3.145 km de fronteira. As entidades en defensa dos dereitos dos migrantes cifran en 10.000 as mortes producidas por ter que optar por camiños máis perigosos desde aquel ano.

Tamén a Unión Europea aposta polos muros fortificados para evitar a entrada de persoas (ademais dos acordos con Turquía en 2016 e Libia en 2017 para que freen a entrada de migrantes e os bloqueen no seu territorio, incluídos demandantes de asilo).

Amais dos actuais valados construídos polo Estado español en Ceuta (1999) e Melilla (1998), Hungría (2015) ergueu un muro de catro metros de altura na súa fronteira con Serbia para evitar o paso dos migrantes que fuxían da guerra en Siria, mais o mesmo fixeron Bulgaria (2014) ou Grecia (2021) nos lindes con Turquía.

Pola súa parte, Polonia comezou en xaneiro a construción dun muro na fronteira con Belarús.

Tamén Israel puxo en marcha a mesma política para cercar as zonas palestinas no que activistas denominan o “muro do apartheid”, aproveitando para consolidar a ocupación e apropiándose de terras de cultivo palestinas  e mais de fontes hídricas, como o maior acuífero de Cisxordania.

24.234 mortes nos últimos oito anos no Mediterráneo

A pesar de que pola súa xeografía non tería sentido construír barreiras físicas, países como Australia controlan por medio do Exército a masa de auga que a separa de Asia, facendo fincapé en evitar a entrada de migrantes.

Tamén a Unión Europea, ademais das zonas valadas, pon especial atención en rexións marítimas como o Mediterráneo, por medio das forzas de seguridade dos Estados membros pero tamén de Frontex, a Axencia Europea da Garda de Fronteiras e Costas, acusada polo Parlamento Europeo de permitir a violación dos dereitos humanos para evitar a entrada de persoas no bloque comunitario.

Desde 2014, 24.234 persoas morreron ou desapareceron tratando de cruzar o Mediterráneo, informa a Organización Mundial das Migracións.

Comentarios