Condenan a complicidade da UE no "horror" dos migrantes enviados a Libia

Un estudo de Amnistía Internacional responsabiliza a UE de financiar Libia para evitar facerse cargo dos migrantes que van cara a Europa. Isto provoca constantes violacións contra as persoas capturadas no mar Mediterráneo, que logo son fechadas nos campos de detención e deportación libios.
Un grupo de persoas devoltas a Libia despois de ser interceptadas no mar Mediterráneo en 2019.(Foto: Amnistía Internacional)
photo_camera Un grupo de persoas devoltas a Libia despois de ser interceptadas no mar Mediterráneo en 2019.(Foto: Amnistía Internacional)

A Unión Europea (UE) é “cómplice” das “horríbeis violacións” contra os migrantes enviados a Libia tras seren capturados nas augas do mar Mediterráneo, condenou esta quinta feira, 15 de xullo, Amnistía Internacional (AI) nun informe.

“Violacións atroces [dos dereitos humanos], incluída a violencia sexual contra homes, mulleres e nenos” son comúns, advirte a entidade, que revela que só a finais de xuño máis de 6.000 migrantes foron traslados a estes campos.

A situación que presenta o documento, baseado en entrevistas con 53 persoas entre 14 e 50 anos que proveñen na súa maioría de Nixeria, Somalia e Siria, é corroborada pola Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas (ONU) para os Dereitos Humanos, que en maio advertiu de que os “migrantes devoltos a Libia están sistemática e rutineiramente enfrontando risco de morte, desaparicións, detencións, torturas, maltrato, violencia machista e explotación”.

Isto non é unha anomalía tráxica, apunta a institución da ONU, senón “a consecuencia de decisións e prácticas políticas concretas postas en marcha polas autoridades libias e os Estados membros e institucións da Unión Europea, así como outros actores”.

Nos primeiros seis meses de 2021, 15.000 persoas foron interceptadas no Mediterráneo e trasladadas ás costas libias. Nestes centros repórtanse agresións sexuais a crianzas e homes, pero especialmente contra as mulleres, salienta AI, que denunciou que os gardas destes centros violábanas a cambio de necesidades básicas como auga, ou da súa liberación.

A responsabilidade da Unión Europea

Desde a caída de Muamar el Gadafi, Libia é un Estado con varias faccións en conflito permanente para facerse co poder. Isto non evitou que recibira millóns de euros procedentes da UE en xeral, e de Italia en particular, “para evitar que os migrantes e refuxiados crucen o Mediterráneo cara a Europa”, financiando e dando formación aos gardacostas de Libia, afirma AI.

En 2012, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou Italia por enviar refuxiados capturados en alta mar a Libia, debido a que estaban “expostos ao risco de malos tratos en Libia e de repatriación a Somalia ou Eritrea”, mais a sentenza non impediu que estas prácticas continuaran.

 UE “optou por investir millóns de euros en asegurar, externalizar as fronteiras e na cooperación con terceiros países condicionada ao control da inmigración”, e así evitar ter que asumir a súa responsabilidade á hora de xestionar os seus lindes, destaca o Comité para a abolición das débedas ilexítimas (Cadtm), con sede en Bélxica.

Esta estratexia comezou en 2014 coa creación da Operación Tritón a cargo de Frontex, a Axencia Europea da Garda de Fronteiras e Costas, que incorporou acordos con Estados como Turquía, Libia ou Marrocos para controlar o paso de migrantes e convertelos nos seus centros de detención e deportación aos seus países de orixe, até “a axuda pública ao desenvolvemento é desviada para estes fins”, denuncia o Cadtm.

Tres anos despois, coa intención de evitar que os axentes de Frontex tivesen que realizar as detencións no Mediterráneo, o cumio de presidentas e presidentes da UE que decorreu na Valeta (Malta), acordou un investimento de 131 millóns de euros para equipar os gardacostas libios e frear a onda de migrantes en dirección ao club comunitario.

A UE recoñece que os acordos co denominado Goberno de Unidade Nacional ascenden a 408 millóns de euros que proveñen do Fondo Fiduciario de Emerxencia para África.

Isto supuxo unha redución inmediata no número de pasos pola canle de Sicilia, de 100.000 en 2016 a 21.000 en 2017, mais a custa de, entre outros, o “comportamento temerario, neglixente e ilexítimo dos gardacostas libios no mar e das sistemáticas violacións de dereitos humanos nos centros de detención”, explicou Diana Eltahawy,  investigadora de AI, o que engade aínda máis risco e violencia á migración en dirección a Europa.

A organización Internacional para as Migracións, dependente da ONU, rexistrou 12.372 mortes no mar Mediterráneo desde 2014. No que levamos de 2021, 929 persoas perderon a vida.

Frontex, unha axencia cuestionada

Malia que a dereita e a extrema dereita impediron a reprobación ao director da axencia, Fabrice Leggeri, o informe aprobado onte na Comisión polas Liberdades Civís do Parlamento Europeo deixa ver que Frontex permite a violación dos dereitos humanos nas fronteiras da UE, ignorando a actuación de Estados membros como Hungría, Croacia ou Grecia.

Ademais, desvela unha avaliación interna da axencia na que indicaba que non se podía descartar a súa participación directa nalgúns destes casos, maioritariamente de deportacións sen o debido proceso xudicial e expulsións forzosas.

Para as parlamentarias e parlamentarios que elaboraron o documento, no que a dereita e a extrema dereita impediron que fosen incluídas as declaracións de vítimas e organización no terreo, a falta de preocupación de Frontex por estes asuntos leva a que teñan vacantes  máis de vinte postos de traballo para supervisión dos dereitos humanos.

Máis de 600.000 persoas desprazadas

170.000 desprazados internos, máis de 50.000 solicitudes de asilo e de 600.000 persoas que pasaron por Libia son resultado dos conflitos e da violencia, segundo informa Acnur, a axencia da ONU para as persoas refuxiadas.

Como alternativa á situación actual, AI propón no seu estudo Ninguén virá por ti. Regreso forzoso do mar á detención abusiva en Libia, que, ademais de rachar os seus acordos sobre migración e control de fronteiras con Libia, a UE ten que abrir corredores de migración legais, que permitan protexer e reasentar as persoas que foxen de Libia e dos conflitos na contorna.

Comentarios