Londres aproba unha lei migratoria que viola o dereito internacional

O texto imposibilita que as persoas que cheguen ao Reino Unido por medios non autorizados poidan pedir asilo e busca que estas persoas migrantes, ao ser detidas, sexan trasladadas rapidamente ao seu país de orixe ou a terceiros países como Ruanda.
Barcaza para transportar as persoas migrantes. (Foto: Ben Birchall / Pa Wire / DPA)
photo_camera Barcaza para transportar as persoas migrantes. (Foto: Ben Birchall / Pa Wire / DPA)

A Cámara dos Lores, a Cámara Alta do Parlamento británico cuxos membros son designados pola monarquía e pola Igrexa Anglicana, validou na madrugada desta terza feira a lei sobre migración do primeiro ministro conservador Rishi Sunak, unha norma que para a Organización das Nacións Unidas (ONU) "contradí as obrigas do país en virtude do dereito internacional dos dereitos humanos e dos refuxiados".

O texto final, pendente de que o rei Carlos III o promulgue, foi resultado da negativa da maioría da Cámara Alta a aceptar as últimas emendas presentadas, tras múltiples debates coa Cámara dos Comúns, que reclamaban prazos máis cortos para a detención de crianzas non acompañadas ou máis protección para vítimas de escravitude moderna.

A lexislación impulsada por Sunak, no marco dunha desvantaxe de 15 puntos nas enquisas fronte ao Partido Laborista, imposibilita que as persoas que cheguen ao Reino Unido por medios non autorizados poidan pedir asilo e busca que estas persoas migrantes, ao ser detidas, sexan trasladadas rapidamente ao seu país de orixe ou a terceiros países como Ruanda, co que Londres asinou un acordo para enviar solicitantes de asilo mentres procesa as súas peticións a cambio de 160 millóns de euros, e que está pendente da decisión da Xustiza británica.

En paralelo, esta terza chegou á illa de Portland, fronte á costa do sur do Reino Unido, a barcaza Bibby Stockholm, con capacidade para albergar 500 persoas, á que serán enviadas persoas solicitantes de asilo. O Executivo defendeu que é máis barato que aloxalas en hoteis.

O Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, Volker Türk, e o Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados, Filippo Grandi, responderon á nova lei sostendo que terá consecuencias profundas para as persoas que precisan protección internacional, ao negar o acceso a esta protección até a crianzas non acompañadas aínda que sufriran violacións aos dereitos humanos ou foran escravizadas.

Asemade, inciden en que se agravará a situación das persoas migrantes que chegaron por mar, limitando os seus dereitos humanos e póndoas en risco de detención e marxinación. A lei crea “un precedente preocupante para desmantelar as obrigas relacionadas co asilo que outros países, incluídos os de Europa, poderían verse tentados a seguir”, alertou Türk.

Máis de 45.000 persoas chegaron ao Reino Unido en 2022 a través do canal da Mancha, porén, no que levamos de 2023 entraron por esta vía arredor de 12.000 persoas.

Comentarios