Centos de crianzas e mulleres desaparecidas no Mediterráneo

No mínimo 78 persoas morreron nun naufraxio a cuarta feira no mar Xónico, entre críticas pola actuación da Garda Costeira grega.
Persoas rescatadas no naufraxio do mar Xónico. (Foto: Aegean Boat Report)
photo_camera Persoas rescatadas no mar. (Foto: Aegean Boat Report)

750 persoas viaxaban no buque pesqueiro que afundiu na madrugada da cuarta feira a 87 km da costa grega, confirmou a quinta feira Manolis Makaris, xefe de cardioloxía do Hospital Xeral de Kalamata, despois de atender as persoas que sobreviviron ao naufraxio. “Ese é o número exacto que todos me dixeron”, subliñou o facultativo.

As autoridades gregas fixaron en 78 o número de corpos -un menos que a cifra divulgada hai dous días- recuperados tras o naufraxio, ao que se engaden 109 persoas rescatadas procedentes de Paquistán, Exipto, Siria, Afganistán e Palestina. Case todas as persoas falecidas e rescatadas son homes.

Porén, os superviventes ratificaron que no barco tamén viaxaba un importante número de crianzas e mulleres, que ían na bodega da embarcación. Makaris detallou que segundo os testemuños a cifra de nenas e nenos varía entre 50 e 100, antes de facer fincapé en que “ninguén en Europa debe aceptar esta situación, temos que facer algo, todos teñen que facer algo para que non volva suceder”.

Malia a continuación das operacións de rescate, “as posibilidades de atopar máis [superviventes] son mínimas”, sinalou Nikos Spanos, almirante retirado da Garda Costeira grega.

En paralelo, multiplicáronse as críticas á Garda Costeira grega, que desprazou un buque onda o barco afundido poucas horas antes, marchando ao reclamar as persoas migrantes que as deixasen proseguir a travesía cara a Italia. “Este barco non era apto para navegar e non importa o que algunhas persoas a bordo puideran ter dito”, asegurou Vicent Cochetel, enviado para o Mediterráneo Central da Axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os Refuxiados, engadindo que “a notificación de perigo non é discutíbel”.

Vittorio Alessandro, almirante retirado da Garda Costeira italiana, incidiu en que “non se precisa consentimento” para proceder ao rescate dun buque en perigo, e reiterou que baixo a lei marítima a falta de equipos de salvamento, a ausencia de capitán ou que o buque estea ateigado son motivos para intervir nestas situacións.

O ministro de Crise Climática e Protección civil heleno, Evangelos Tournas, defendeu a actuación da Garda Costeira e insistiu en que un intento de rescate tería posto en perigo a embarcación naufragada.

O secretario xeral da ONU, António Guterres, subliñou que “este é un exemplo máis da necesidade dos Estados membros de unirse e crear vías ordenadas e seguras para as persoas forzadas a fuxir”.

Comentarios