Tunisia rexeita recibir os migrantes expulsados da Unión Europea

O domingo asinouse un acordo para que Tunes free as migracións
Líderes dos Países Baixos, Mark Rutte, Tunisia, Kais Saied, a Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e Italia, Giorgia Meloni, en xuño. (Foto: Koen Van Weel / ANP / DPA)
photo_camera Líderes dos Países Baixos, Mark Rutte; Tunisia, Kais Saied; a Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e Italia, Giorgia Meloni, na súa última xuntanza. (Foto: Koen Van Weel / ANP / DPA)

Tunisia transmitiu á Unión Europea (UE) que non se converterá nun “centro de recepción” para migrantes expulsados do bloque comunitario, un punto confirmado por un alto funcionario da UE citado esta segunda feira por The Guardian, que corroborou que “as autoridades tunesinas senten que o comunicaron claramente”.

Este aspecto imposibilita que Bruxelas asine con Tunisia un acordo semellante ao que ten o Reino Unido con Ruanda, tras pactar a UE que expulsaría persoas cuxas solicitudes de asilo fosen rexeitadas a países que cada Estado considere “seguros”.

O domingo, unha delegación da UE composta pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e os primeiros ministros dos Países Baixos, Mark Rutte, e Italia, Giorgia Meloni, reuniuse en Tunisia co presidente do país, Kais Saied, co que pactaron unha “asociación estratéxica integral” para que o país árabe bloquee a saída de migrantes das súas costas en dirección a Europa, após converterse na orixe de arredor da metade das persoas que chegaron por mar a Italia en 2023, a medida que outros países como Turquía e Libia dificultaron as migracións por mar tras acordos coa UE.

A cambio, Bruxelas entregará no mínimo 255 millóns de euros a Tunisia. Así e todo, na oferta orixinal engadíanse 900 millóns de euros que dependían dun acordo entre Saied e o Fondo Monetario Internacional para entregar un préstamo ao país, que padece unha crise económica con desabastecemento de produtos básicos.

Amais, Libia anunciou o rescate de ducias de migrantes na súa fronteira con Tunisia, despois de que aproximadamente 1.000 persoas foran abandonadas nos seus lindes con Trípoli e Alxer.

Comentarios