Polo menos 60 mortos no naufraxio dun barco con migrantes perto da costa de Calabria

Unhas 50 persoas foron rescatadas e varias decenas precisaron ser hospitalizadas, unha en estado moi grave, aínda que probabelmente máis de cen aínda están desaparecidas na que podería ser unha das peores traxedias da historia recente da crise migratoria.

Restos da embarcación naufragada en Crotona.
photo_camera Restos da embarcación naufragada en Crotona. (Foto: Europa Press)

Polo menos 60 persoas morreron, entre elas varios nenos, ao envorcar un barco con case 200 migrantes a bordo fronte ás costas da rexión italiana de Calabria, no sur do país, informaron este domingo fontes da Garda Costeira.

O barco estaba totalmente sobrecargado, segundo estas fontes, e acabou afundindo nas augas de Steccato di Cutro, no concello de Crotona. O barco, explicou a Garda Financeira italiana, implicado en tarefas de identificación e rescate nas costas do país, saíu hai catro días do porto turco de Esmirna, e foi avistado onte á noite por un avión da axencia europea Frontex.

Segundo as autoridades italianas, o avión de Frontex comunicou á sección operativa de Crotona, pero as pésimas condicións do mar obrigaron a dar a volta ao equipo.

Unhas 50 persoas foron rescatadas e varias decenas precisaron ser hospitalizadas, unha en estado moi grave, aínda que probabelmente máis de cen aínda están desaparecidas na que podería ser unha das peores traxedias da historia recente da crise migratoria.

"Esta é unha traxedia enorme e temo que os mortos sexan moitos máis", dixo o alcalde da cidade de Crotona, Vincenzo Voce. Entre as ducias de corpos sen vida lavados na praia está o dun recén nacido, segundo fontes citadas polo diario La Stampa.

Os servizos de rescate seguen traballando na procura de superviventes, mentres que as primeiras investigacións indican que os migrantes procedían, en principio, de Irán, Paquistán e Afganistán; e que o naufraxio debeuse fundamentalmente ás pésimas condicións do mar, que acabaron por dividir o barco en dous contra as rochas da costa.

Os servizos de salvamento italianos calculan que no momento do naufraxio había uns 180 migrantes a bordo do barco, pero algúns dos superviventes elevan o número a 250 ocupantes, segundo o xornal Il Messaggero. Extraoficialmente, fontes dos medios italianos temen que a cifra final de mortos supere os cen.

 

Novo decreto migratorio de Meloni

A ONG Médicos Sen Fronteiras expresou a súa consternación pola magnitude do naufraxio. "Parécenos humanamente inaceptábel e incomprensíbel que acabemos sempre asistindo a traxedias que se puideron evitar. É un puñetazo no estómago", lamenta o seu xefe de misión, Sergio Di Dato. MSF informou ás autoridades calabreses da súa total dispoñibilidade para prestar atención psicolóxica aos superviventes, segundo anunciou a súa sección italiana na súa conta de Twitter. 

A traxedia prodúcese tres días despois de que o Parlamento italiano aprobase un novo decreto migratorio elaborado polo Goberno da ultradereitista Giorgia Meloni que modifica as operacións de socorro dos barcos das ONG, que veñen denunciando reiteradamente que desde hai meses as autoridades italianas asignan portos afastados, no norte e centro de Italia, que tardan entre catro e cinco días en chegar, descoidando as súas operacións na zona central do Mediterráneo, onde a maioría destes tipos de barcos.

O presidente da República Italiana, Sergio Matterella, emitiu un comunicado lamentando as mortes e no que sinalou que é "imprescindíbel que a Unión Europea asuma finalmente a responsabilidade de gobernar o fenómeno migratorio para liberalo dos traficantes de persoas".

Comentarios